O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado que, “por orde da Consellería de Sanidade”, que “durante un período temporal de quince días” non se recomenda o baño na praia de Celeiro.
O goberno local sostén que a medida “vén motivada polos resultados obtidos nunha pre-analítica realizada pola Consellería de Sanidade, nos que se superou nunha pequena porcentaxe os parámetros establecidos -as augas cun resultado de ata 1.000 e.coli considéranse aptas para o baño, sendo o resultado desa analítica de 1.100″, concreta.
O Concello expón que neste tipo de casos, de detectarse bacterias na auga “durante a campaña de verán, a mediados de xuño”, Sanidade “realiza unha contra-analítica aos dous días, e se o resultado é favorable non afecta ao baño”. Con todo, antes da campaña, a Xunta “non realiza esa segunda proba nese período de tempo”, polo que o Concello “debe advertir de que non se recomenda o baño durante un periodo temporal de quince días”.
No día de hoxe, o Concello de Viveiro vai tomar mostras en tres puntos diferentes da zona de baño da praia de Celeiro para realizar unha analítica propia e realizar un control destas augas “debendo manterse, en todo caso, a recomendación de non bañarse ata que a Consellería realice unhas novas probas”.
A finais do verán pasado, o baño neste mesmo areal foi desaconsellado entre o 14 e o 21 de agosto, ao detectarse niveis de E.Coli na auga de ata 2.000 unidades e 500 de enterococo intestinal.
Esta situación provocou unha serie de protestas por parte da veciñanza, farta dos atrasos no saneamento da ría de Viveiro, cun emisario roto que verte augas fecais no estuario e cunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) que funciona de forma deficiente.