O secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco, asegurou este mércores no programa da Radio Galega ‘Galicia Por Diante‘ que Alcoa “está a facer o mesmo en San Cibrao que en Ferndale (Washington), unha planta no país de orixe da multinacional na que anunciou conversas o 28 de abril e acabou con 700 despedimentos. Deixan de producir electrólise nun sitio onde se lles fixo rebaixas da enerxía, deduccións fiscais ou axudas para a formación dos traballadores, e aínda así non foi suficiente”, expuxo.
Blanco referiuse ao inicio de despedimentos na planta de fundición estadounidense, o pasado 8 de xuño, unha factoría con 54 anos de historia. Tras cesar 50 traballadores, a previsión é que nas vindeiras dúas semanas outros 400 obreiros sexan despedidos, dentro dun proceso global que significará a perda de 700 postos de traballo.
“É un proceso xemelgo“, xulgou Blanco, que afirmou que Alcoa ten “unha estratexia global de deixar de producir aluminio primario incluso onde teñen prezos beneficiosos da enerxía e converterse noutra cousa. Coñecemos como traballa a multinacional, cal é o seu modus operandi”, indicou.
“Á empresa díxoselle que se había un plan industrial as Administracións iamos traballar cóbado con cóbado para obter un prezo razoable da enerxía e dar viabilidade á planta de aluminio primario, pero afirmou que lle daba o mesmo e que non ia cambiar os seus plans. Aí é cando lle pedimos que deixe paso a outras iniciativas”, argumentou Blanco.
DESCARTA A INTERVENCIÓN
Preguntado por unha posible intervención pública da planta e por se hai compradores interesados no complexo industrial, Blanco rexeitou referirse a posibles investidores e insistiu en presionar á multinacional: “se hai un proxecto industrial viable pódese estudar que papel poden ter o Estado e a Xunta; sen el non ten sentido, non imos intervir unhas instalacións pechadas. As Administracións apoiaremos a quen o faga, sexa Alcoa ou quen veña”, manifestou.
O ESTATUTO, “EN DÚAS SEMANAS”
No tocante ao marco enerxético comprometido en varias ocasións polo Executivo, asegurou que “a semana que vén” aprobarase o fondo de garantías para as empresas electrointensivas, “con 200 millóns para avalar operacións de contratación bilateral, os coñecidos como PPA“, e “a semana seguinte” aprobarase o estatuto do consumidor electrointensivo, pero “nin con esas medidas á Alcoa lles serve”. Respecto ás alegacións presentadas por Galicia, Asturias e Cantabria, sinalou que “estanse valorando”.
Finalmente, e preguntado pola petición de que se beneficie o aluminio dos fondos do plan de reconstrución de Bruxelas, Blanco mostrouse aberto. Apuntou que “entre os catorce ecosistemas prioritarios” apuntados pola Unión Europea “no programa de reactivación, un deles é a industria electrointensiva”.