InicioEconomíaCatrocentos obreiros de auxiliares, afectados polo ERE e "sen amparo legal" no...

Catrocentos obreiros de auxiliares, afectados polo ERE e “sen amparo legal” no período de consultas

A coordinadora pedirá a Xunta e Goberno central que medien para que a situación dos operarios das contratistas sexa abordada nas negociacións do despedimento colectivo

Publicada o

- Advertisement -

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado formalmente este mércores por Alcoa, que prevé o despedimento de ata 534 traballadores na planta de aluminio de San Cibrao, afectaría tamén a alomenos outros 400 postos de traballo nas empresas auxiliares. As contratistas foron, de feito, as primeiras en verse afectadas polos recortes produtivos da multinacional no complexo industrial de Cervo, dado que a renuncia a cambiar as cubas de electrólise supuso a suspensión de 45 empregos en Reymogasa e Cyrgasa.

Agora, co inicio do período formal de consultas do despedimento colectivo, o vindeiro 25 de xuño, os obreiros das auxiliares vense “nun desamparo total” e solicitarán ás Administracións autonómica e estatal que medien para non quedar excluídos do proceso.

Se no período de consultas informal Alcoa tentou apartar do proceso aos delegados das empresas auxiliares, a situación “é peor agora”.

“Daquela tivemos unha presenza razoada ao non haber ningunha normativa legal, pero coa presentación formal do ERE a multinacional non ten nada que negociar legalmente con aqueles que non sexan traballadores directos”, indica o voceiro da plataforma que aglutina a representación sindical nas contratistas, Quique Rocha.

Neste sentido, ao non ter unha vinculación contractual con Alcoa, a situación para os traballadores das contratistas afectadas polo recorte produtivo é “dun desamparo total“. A coordinadora instará formalmente a Xunta de Galicia e Goberno central a “amparar” ás auxiliares “para que a nosa problemática non quede sen tratar, que non se baralle ningunha solución que non sexa incluíndonos a nós”.

A ANULACIÓN DOS CONTRATOS TERÁ “PRAZOS MÁIS RÁPIDOS”

Deste xeito, pedirá que se busquen “fórmulas” para que, “aínda que igual non é posible que esteamos presentes nas negociacións, si que se aborde a nosa situación”.

Se os obreiros de Alcoa recibiron xa a notificación oficial do ERE presentado, os operarios das auxiliares non tiveron novas das direccións máis alá do anuncio da multinacional. “Prescindir de nós é máis rápido, a anulación dos contratos ten outra serie de prazos, por iso cremos tamén que temos que organizarnos para facer valer os nosos dereitos”, lamenta.

DEZ EMPRESAS TEÑEN O 100% DOS SEUS CONTRATOS NA PLANTA DE ALUMINIO

Das entre 25 e 30 contratistas que prestan servizos en Alcoa, dez teñen o 100% dos seus contratos na planta de aluminio: son Cotelsa, Reymogasa, Rodabell S. A. e Montajes Rodabell, Industrias Xove, Noguera, Jofrasa, Mayco, Tecresa e Pasek. Con todo, e tendo en conta as entre 15 e 20 auxiliares que realizan tarefas tanto nesa planta como na de alúmina, o impacto social do despedimento colectivo presentado por Alcoa é moito maior, bordeando o milleiro de operarios afectados.

PRETO DUN MILLEIRO DE CONTRATISTAS REALIZAN TAREFAS EN AMBAS PLANTAS

Rocha matiza, ademais, que malia non verse afectada a refinería de alúmina nun principio, “ten un futuro moi complicado se sae adiante este ERE”. De feito, arredor dun terzo da produción, segundo os sindicatos, é para a planta irmá de San Cibrao.

De pechar o complexo industrial de Cervo veríanse afectados 1.143 obreiros das dúas plantas e máis de 900 operarios de auxiliares, que pese a non ser considerados como directos ao non ter relación contractual con Alcoa, realizan os seus traballos en exclusiva ou case en exclusiva para a multinacional.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...