O comité de Alcoa San Cibrao convoca o vindeiro sábado unha andaina nocturna contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) xa presentado pola multinacional, que afectaría a 534 traballadores da planta de aluminio máis outros 400 de empresas auxiliares.
Os sindicatos retomarán as protestas despois de que Alcoa fixese efectivo o proceso do despedimento colectivo, que comezará a negociarse o vindeiro 25 de xuño. Baixo o lema ‘A Mariña sálvase loitando‘, a marcha nocturna partirá do complexo industrial de San Cibrao ás 22.15 horas. Os traballadores iniciarán desde alí o percorrido vestidos con roupa de faena.
A andaina rematará no Parque Reina Sofía de San Cibrao, sobre as 23.00 horas. Os obreiros atoparanse alí coa veciñanza da Mariña Lucense. O comité pide a todos os participantes no acto reivindicativo que porten algún tipo de luz para facer ver a súa presenza na noite sancibrense.