InicioEconomíaAlcoa ameaza con completar a década para esquecer da industria da Mariña

Alcoa ameaza con completar a década para esquecer da industria da Mariña

En dez anos a comarca perdeu empresas emblemáticas como Ecar, Conservas Alonso, Gres Burela, IPV a Pontenova ou Muebles Hermida

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña sairá de novo á rúa este luns, desta volta en Burela (20.00 horas, Hospital) e citada por CIG, UGT e CC OO, para reclamar ás Administracións que actúen de urxencia na comarca, onde o despedimento colectivo anunciado por Alcoa -con ata 534 afectados en aluminio e outros 400 en empresas auxiliares– ameaza con completar unha década ominosa para a industria da bisbarra.

2011: A PRIMEIRA FERIDA DE MUEBLES HERMIDA

Outrora a gran referencia laboral no interior da Mariña Lucense, Muebles Hermida comezou o seu declive no Nadal de 2011, cando se aprobou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción que afectou a 75 operarios.

Foi a primeira ferida dunha empresa fundada no 1982 que chegou a ter 225 empregados, con facturacións anuais de ata 24 millóns. A moblería de Lourenzá xa non se recuperou, e en decembro de 2019 solicitou o concurso de acredores, que derivou nun ERE extintivo coa supresión de 88 empregos.

2012: CAE ECAR

A principios do 2012 pechou Aglomerados Ecar, industria chave para o interior da Mariña Lucense e especialmente para o municipio de Mondoñedo. A súa clausura supuxo a perda de 62 empregos. Neste 2020, Toxiza S. L. adquiriu as instalacións.

2013: ADEUS Á IPV DA PONTENOVA E A GRES BURELA

Un ano despois cesou a actividade de Investigación y Proyectos de Vehículos Especiales, S. A. (IPV) da Pontenova, marca de camións 4×4 cuxa matriz foi Mafsa (Miranda, Alonso y Fernández), fundada no 1965. O peche da empresa deixou na rúa 31 traballadores.

Tamén no 2013, neste caso no verán, a empresa Materiales Cerámicos S. L., que comercializaba os seus produtos como Gres Burela, pechou coa destrución, daquela, de doce postos de traballo. Fora fundada no 1902. No 2015 adxudicouse por 615.000 euros a nave da firma, que chegou a ter un valor de 20 millóns de euros.

2015: PECHA ECESA

En 2015 pechou Área Minera del Atlántico, a antiga Ecesa, ubicada en Burela e dedicada á extracción e venda de caolín. Quedaban daquela na empresa 30 obreiros.

2016: DESLOCALIZACIÓN DE CONSERVAS ALONSO

No 2016, Conservas Alonso, de Celeiro, finalizou a súa actividade cando contaba con 40 obreiras. A conserveira enlataba bonito e atún desde 1925, daquela para a marca Palacio de Oriente. Empregaba fundamentalmente mulleres en idade avanzada, por riba dos 50 anos. A produción centralizouse por completo entón na nave de Bueu.

2020: A TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA FRAQUEA CON COSTIÑA E HERMIDA

Por outra banda, no aserradoiro de Alfoz Costiña suspendéronse este mesmo ano 65 empregos tras aprobarse un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) produtivo. A firma solicitou o concurso voluntario de acredores.

Empresas punteiras como Vestas ou Sargadelos pasaron tamén por dificultades, aínda que conseguiron aguantar o tipo nunha década que será lembrada como unha das máis nefastas da historia da comarca se finalmente se apaga a luz de Alcoa San Cibrao.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...