O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou a través dun comunicado de prensa a aparición dun brote de coronavirus na comarca da Mariña Lucense. En concreto, ata o momento, detectáronse oito casos positivos en coronavirus no concello de Xove. Todos eles pertencen ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso. Boa parte dos infectados, segundo puido saber Xornal da Mariña, compartiron unha xuntanza a mediados deste mes.
Ademais, segundo confirmou o propio Sergas, hai outro caso “en estudo“, cun positivo por Covid-19 probable. Trátase dunha persoa pendente dunha operación á que se lle realizou a proba PCR, como é protocolo, antes da intervención.
Ademais, un veciño de Burela que deu positivo está ingresado nunha planta do Hospital Público da Mariña. Trátase dun home de 71 anos.
O brote familiar de infección por Covid-19 detectouse onte pola tarde no municipio, asegurou o Sergas. A Consellería de Sanidade expón que a Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas fixeron un rastrexo e analizaron todos os contactos da persoa afectada. Ata o momento, mediante as probas realizadas, confírmase a existencia de 8 positivos por coronavirus (incluído o caso inicial), catro negativos e 25 máis pendentes de resultado.
Segundo a nota do Sergas, realizáronse as probas PCR “a todos os contactos estreitos deste positivo”.
Neste momento, dos oito casos positivos “a maioría son asintomáticos“, indica a Consellería de Sanidade, “agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, máis teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún afectado tivo que ser hospitalizado”, conclúe a nota.
RASTREXADAS 40 PERSOAS
A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos.
A CONSELLERÍA INSISTE NA NECESIDADE DE MANTER AS MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Dende o Sergas lembran á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social.
A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.