InicioEconomíaOs obreiros esixen a Goberno e Xunta frear o "ataque" de Alcoa...

Os obreiros esixen a Goberno e Xunta frear o “ataque” de Alcoa á industria do aluminio

O comité reclama ás Administracións que "defendan" o complexo industrial de San Cibrao da "deslocalización" que prepara a compañía coa apertura das consultas do ERE

Publicada o

- Advertisement -

Redacción/Efe. A dirección de Alcoa volveu reunirse co comité de empresa, de novo nun restaurante de Lugo, para iniciar este xoves o período formal de consultas do proceso de despedimento colectivo que podería rematar con 534 traballadores da fábrica de aluminio primario de San Cibrao na rúa, ademais de co despedimento doutros 400 empregados de empresas auxiliares.

Segundo expuxo o presidente do comité, José Antonio Zan, a multinacional iniciou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) baseado en “cuestións organizativas produtivas e económicas”, no que polo de agora non trascendeu a identidade dos traballadores afectados aínda que “non fai falta, pois todos sabemos quenes son”. O recorte produtivo suporía, en realidade, baleirar de contido a factoría, co peche da electrólise, o cese da produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como da elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas de fundición.

“O QUE BUSCA A EMPRESA É METER AQUÍ ALUMINIO QUE FABRICA NO ESTRANXEIRO”

“O que buscan é unha deslocalización total, xa que acaban coa última planta de aluminio pero eles (Alcoa) poden seguir metendo o metal aquí; actualmente meten máis dun millón de toneladas en España e Europa. Tráeno de Arabia Saudí e de Noruega, tamén de África, pois tamén o traen de Mozambique“, expuxo.

Os sindicatos ven impugnable o expediente, e aínda que presumiblemente recurrirán, “a cuestión é que non temos tempo, porque no momento no que se execute a parada de cubas estaremos mortos; iso pode supoñer un antes e un despois”, lamentou.

Para seguir reclamando unha solución a esta situación, centos de traballadores de Alcoa, arroupados por veciños da Mariña e representantes de todos os partidos políticos, concentráronse este mediodía ante a sé da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde a reclamaron ao Executivo estatal de Pedro Sánchez e á Xunta de Galicia a intervención pública da planta.

“É UN DÍA MOI TRISTE”, AFIRMAN OS SINDICATOS

“Hoxe é un día moi triste para toda a industria española. O Goberno de España e a Xunta de Galicia teñen que poñer xa solucións; non se pode permitir que se destrúa a industria do aluminio e que nos quedemos sen fabricar este metal en España, para importar un millón de toneladas do estranxeiro”, dixo aos medios o presidente do comité.

O sindicalista sostivo que “hai que defender á industria nacional” e que non se pode permitir esta “deslocalización” e “este gran fraude” e “ataque” que “está cometendo Alcoa”.

Recordou, nese sentido, que “cando compraron a antiga Inespal estaba formada por once empresas e agora mesmo queren acabar coa última, non se pode permitir esta barbaridade industrial”.

Segundo o seu criterio, “a empresa é unha multinacional e non podemos esperar nada das multinacionais, pero para iso están o Goberno e a Xunta de Galicia, para defender á industria dun país e para defender ao país”.

Por iso, opina que “este Goberno ten que dicir se quere industria ou non. Se vai intervir esta industria ou non. Se se van dobregar, o Executivo e a Xunta de Galicia, ou van defender aos cidadáns e á industria do país. Teñen que dicir que queren facer”, espetou.

O COMITÉ URXE AO GOBERNO A PRESENTAR “POR ESCRITO” AS PROPOSTAS REALIZADAS

En canto ás propostas presentadas polo Goberno durante a reunión da Mesa Multilateral de Alcoa, Zan afirmou que a partir de agora “as propostas teñen que ser concretas” e chegar “por escrito”. Nestes momentos, asegurou que xa non serven as “boas intencións”, porque hai que defender “á industria” nacional.

Neste caso concreto, recordou, “o único problema é o marco regulatorio da enerxía“, porque os traballadores de Alcoa en San Cibrao “son auténticos profesionais” e se lles deixan “facer o seu traballo, haberá industria do aluminio en España para moitos anos”.

“ACABARON OS PASEOS”, ADVIRTEN

Os obreiros de Alcoa San Cibrao están citados mañá a unha asemblea, ás 12.30 horas no comedor das instalacións.  Acordaranse novas protestas, ademais da prevista o domingo, unha caravana de coches desde a Mariña Lucense cara a capital provincial.

Acabaron os paseos“, afirmou Zan ao persoal concentrado en Lugo, “se temos que converternos en mineiros seremos mineiros. “Non hai solución se non hai intervención, se non hai intencións. E se non as teñen, obrigarémolos (a Goberno e Xunta) a telas, ése é o seu traballo e o noso dar caña ata que o consigamos”, argumentou.

O XOVES, VINDEIRA CITA DO PERÍODO DE CONSULTAS DO ERE

A multinacional, segundo confirmou o comité, citou aos sindicatos o vindeiro xoves, para continuar co período formal de consultas do despedimento colectivo, unhas negociacións que teñen un prazo máximo dun mes.

SEN DATA PARA A MESA MULTILATERAL

Os traballadores, que lanzaron ovos ao edificio da Subdelegación do Goberno, ante o que puxeron unha bengala azul como a cor que simboliza a súa loita, non teñen por agora data para a nova xuntanza da mesa multilateral comprometida polo Goberno central, un encontro no que estarán os sindicatos, Xunta e Estado e está por ver se Alcoa, dado que a multinacional non quixo negociar sobre a proposta do Executivo estatal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...