A Mariña Lucense queda ‘sine die’ cun único tren diario da liña de Ferrol-Ribadeo; un convoi en dirección Asturias a primeira hora da mañá (saída da cidade ferrolá ás 8.20 horas), e outro con sentido Ferrolterra a media mañá (con saída desde a vila ribadense ás 11.34). Así o confirma Renfe, que tras reducir nun 75% os horarios -de catro viaxes en cada sentido por día a un- durante o estado de alarma por mor do coronavirus, non ofrece ningún prazo para recuperar a normalidade do servizo. É máis, condiciona a volta “á demanda“, o que usuarios ven como “un ataque directo” á “mobilidade das comarcas do norte de Galicia” e como o último cravo no ataúde do ferrocarril.
DE CATRO VIAXES DIARIAS POR SENTIDO, A UNHA
As restriccións ao movemento das persoas decretadas no estado de alarma, e principalmente a prohibición de desprazarse fóra da provincia de residencia, fixeron que a operadora reducise o número de servizos de ancho métrico no norte de Galicia. De Ribadeo saían catro trens diarios cara Ferrol; ás 6.00, 11.34, 15.00 e 18.40 horas. Da vila ferrolá, outros catro convois por día en dirección A Mariña; ás 8.20, 10.45, 15.30 e 19.05. Ata que finalizase o confinamento, Renfe prescindiu de tres viaxes en cada sentido.
O AUMENTO DA POBOACIÓN EN VERÁN, Á VOLTA DA ESQUINA
Unha medida “completamente razoable dadas as circunstancias”, admite a plataforma na defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, pero que coa súa consolidación tralo estado de alarma ameaza, entende o colectivo, con converterse nun peche encuberto do servizo. Nunha situación, apuntan, na que ademais a comarca está a piques de multiplicar a súa poboación en verán coa chegada dos turistas.
“Aproveitan este tipo de situacións para facer recortes”, sostén a agrupación, que argumenta que “expulsan á xente do tren” porque “se non hai servizos non se vai recuperar a demanda. Como vai haber xente cunha viaxe ao día?”, pregunta.
“ISTO É UN SERVIZO PÚBLICO”, LEMBRA A PLATAFORMA
“Isto é un servizo público“, lembran desde a plataforma, “polo que hai unha obriga de manter unha oferta digna. Cabe destacar que Renfe percibe unha asignación económica a través dos presupostos do Estado (Obligación de Servicio Público) que cubre a explotación destes servizos considerados esenciais“, salientan.
Os usuarios consideran que se trata dun novo “ninguneo” e “atropelo” á poboación da Mariña e Ortegal, dúas comarcas “que sofren grandes eivas no tocante ás comunicacións”. Resaltan ademais que “hai apeadoiros nos cales non se actualizaron os horarios. O abandono das bisbarras é total”, denuncian.
OS VIAXEIROS SOLICITAN A “IMPLICACIÓN” DOS CONCELLOS
A plataforma solicita a implicación dos Concellos polos que pasa o percorrido para reclamar que se restitúan os servizos con normalidade. “Apelamos ás administracións máis cercanas aos veciños para cambiar esta situación, porque isto é un caso paradigmático: unha empresa de servizo público que procura sempre que circulen os menos trens posibles. Nesas mans está o tren A Mariña”, expoñen.
Desde a plataforma advirten de que “por un lado fálase unha compra de trens que apenas vai beneficiar á Mariña, porque “a maioría do material é eléctrico e vai ir para Asturias e Cantabria. Mentres o Goberno anuncia iso coma se fose a salvación do tren, redúcense os horarios, que é o máis básico, o do diario“, subliñan.
RENFE ADMITE QUE “NON HAI DATA” PARA A VOLTA Á NORMALIDADE
“Non hai data” de volta á normalidade, admite Renfe, que se escuda en que a situación da liña Ferrol-Ribadeo “é similar á doutros sitios de Galicia e España”.
“A intención a nivel xeral é recuperar os servizos e a medida que a demanda medre reporanse”, indican desde a operadora, que sinala que “non ten sentido poñer a oferta completa se non hai viaxeiros. A normalidade non virá dun día para outro, senón que será gradual, non hai practicamente ningún lugar cun funcionamento ao 100% e nalgúns sitios será a curto prazo e noutros a medio e longo prazo”, argumentan.
Preguntadas por se considera Renfe que se pode esperar un incremento do número de viaxeiros cun só servizo ao día, fontes da operadora apuntan aos usuarios: “farase todo a medida que o vaian pedindo os propios viaxeiros”.