InicioEconomíaBarricadas de pneumáticos e a queima do cartel á entrada da fábrica...

Barricadas de pneumáticos e a queima do cartel á entrada da fábrica abren a folga en Alcoa

O persoal do complexo industrial e o das empresas auxiliares inicia un paro de 24 horas para revindicar unha solución ao ERE presentado pola compañía na planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/Efe. Con barricadas de pneumáticos á entrada do complexo industrial, a queima do cartel que anuncia o complexo industrial e obstáculos de pedras na vía do tren para obrigar a cancelar o paso do ferrocarril, o persoal de Alcoa San Cibrao e empresas auxiliares iniciaron ás 22.00 horas deste martes unha folga por unha solución para a planta de aluminioonde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre obreiros da factoría e das contratistas.

En aluminio producirase placa sen alear, que hai que refundir e non vale para vender, e en alúmina “estase a baixar o caudal de 1.250 metros cúbicos/hora a 890”. Tampouco entrará nin sairá material. As contratistas tampouco realizarán traballos, agás algunha empresa na que si haberá servizos mínimos, referentes á limpeza por mor do coronavirus.

O paro comezou coincidindo co cambio de quenda e prolongarase ata a mesma hora do mércores. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, valorou a resposta da “patronal da Mariña Lucense” á folga convocada polos sindicatos do complexo industrial e empresas auxiliares.

CONCENTRACIÓN EN SANTIAGO

Zan explicou que os sindicatos convocaron a folga na propia planta pero foi “a patronal da Mariña” a que “se puxo en contacto connosco e está a promover un paro para mañá. Sen necesidade dun pacto social, houbo entendemento. Agora só falta que os políticos se poñan de acordo entre eles e nos dean unha solución”, precisou.

A multinacional iniciou o pasado xoves -día 25 de xuño- o proceso formal de consultas do despedimento colectivo, mentres o comité de empresa insiste en que a factoría é viable e reclama a intervención das Administracións galega e estatal para que interveñan a fábrica. Este mércores, paralelamente á folga, haberá unha concentración (12.00 horas, Santiago de Compostela) ante a sé da Xunta de Galicia para reclamarlle unha actuación conxunta co Goberno do Estado. Milleiros de coches particulares desprazaranse á capital galega e o Concello de Viveiro fletará un autobús.

Traballadores de Alcoa, á entrada do complexo. CEDIDA/CIG

GOBERNO E XUNTA “DEBEN IR DA MAN” PARA “OBRIGAR A ALCOA A VENDER”

Zan confirmou que o xoves está prevista unha nova reunión entre o comité e os representantes de Alcoa, un encontro do que espera “pouco”, porque entende que a empresa “seguirá funcionando como ata o de agora”, disposta a executar o seu plan ata o final.

Por iso, insiste en que as Administracións públicas deben ir da man, “obrigar a Alcoa a vender e poñer en marcha un marco enerxético estable”, que permita manter a produción de aluminio primario e os postos de traballo na Mariña. Desde o seu punto de vista, “este é un problema que teñen que arranxar os políticos” e, por iso, os traballadores están “enchufados” e dispostos a loitar polos seus empregos e polo futuro de toda a comarca.

APOIO DO COMERCIO MARIÑAO

A maioría do comercio da Mariña sumarase ao paro. Segundo a xerencia do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), 60 de 127 negocios asociados xa confirmaron ao longo dos últimos días a súa participación na folga do vindeiro 1 de xullo, aínda que a agrupación de comerciantes confía en que a práctica totalidade das empresas secunden o paro.

Desde a xerencia resaltan que boa parte do comercio do casco histórico son negocios “a pé de rúa”, para os que o paro supón “un gran sacrificio“, tendo en conta ademais que o primeiro de xullo é o inicio das rebaixas de verán, “unha das campañas máis importantes do ano”.

Por parte da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Aciam) de Xove, Juan Carlos González, afirmou que “a totalidade” dos negocios do municipio apoiarán o paro. “É unha decisión individual, pero todos amosaron a intención de parar. Para nós sería moi grave un peche, o impacto na economía da Mariña sería moi grande e moitas empresas terían que pechar ou prescindir de traballadores. É por iso que apoiamos aos obreiros”, remarca.

Os traballadores queimaron o cartel da entrada do complexo industrial. CEDIDA

OS CONCELLOS PARARÁN

Os Concellos de Xove ou Cervo, ademais do de Viveiro, pecharán as súas instalacións e manterán servizos mínimos. Tamén o fará Barreiros, onde só se manterá “o servizo de rexistro e citas previamente concertadas”. En Foz haberá un paro temporal, desde as 12.00 horas, que durará 20 minutos. Ademais colocouse unha pancarta no balcón da Casa do Concello.

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, sostén que “necesitamos unha tarifa eléctrica xusta para que a planta sexa viable e atractiva para un comprador, xa que Alcoa deixou claro que non quere continuar. A multinacional americana ten que facilitar a transición, tantos postos de traballo non poden depender dunha decisión empresarial, cando a factoría recibiu centos de millóns en axudas do Estado”, argumentou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...