IniciosociedadeCancelan verbenas e a apertura de discotecas na Mariña polo brote, con...

Cancelan verbenas e a apertura de discotecas na Mariña polo brote, con 33 casos

O Sergas expón que a maioría dos infectados focalízanse en Xove, Burela e Foz e suxire "relaxación" entre a xente nova, pois 20 dos positivos "teñen entre 20 e 40 anos"

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) documenta 33 casos activos, cinco máis, de coronavirus no brote da Mariña Lucense, a maioría dos cales -unha vintena- son pacientes de “entre 20 e 40 anos de idade”, segundo expuxo a Consellería de Sanidade. Deste xeito, a Xunta de Galicia prohibirá polo momento no distrito sanitario da bisbarra -ao que non pertencen A Pontenova e Riotorto– a apertura dos locais de ocio nocturno, como pubs e discotecas, e tamén as verbenas, cuxa celebración estaría permitida desde mañá, primeiro de xullo. Seguirase a mesma folla de ruta para o resto das actividades previstas.

Así o anunciou o xerente da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares, nunha rolda de prensa celebrada na tarde deste martes en Burela, na que estivo acompañada da directora do Hospital Público da Mariña, María José Cortés Canay, e de Begoña Seco, xefa territorial de Sanidade. Os dirixentes do Sergas non concretaron cales son os municipios que teñen infectados por Covid-19, concedendo que a maioría dos 33 casos activos focalízanse “nos municipios de Xove, Burela e Foz“.

Ares confirmou a relación “directa” entre os dous núcleos en principio localizados, o familiar de Xove e o do bar de Burela, insistindo en que os 33 casos de Covid-19 do brote están conectados entre si.

Para xustificar a medida adoptada, o xerente da área sanitaria admitiu “preocupación de cara ao verán” e fixo fincapé en que “o brote concéntrase entre xente nova”.

HOUBO ACTITUDES “QUE NON DEBEN PRODUCIRSE”

Así, sostivo que houbo “relaxación“, pois “víronse en varios lugares, non só na Mariña, ‘botellóns’ e festas ao aire libre, reunións en praias…”. Respecto do brote afirmou que “si houbo algunha reunión ou festa que puido motivar estes contaxios”. Deste xeito, remarcou que “aínda que a xente nova teña unha sintomatoloxía máis leve, está a convivir con familiares e a vida social ten que seguir sen perderlle o respecto ao virus. A falta de medo levou a unhas actitudes que non deberon producirse”, argumentou.

Detalle de la infografía de la Agencia EFE disponible en http://www.efeservicios.com. EFE

Con todo, desmentiu que parte dos positivos detectados tivesen que ver cunha cea de alumnado dun instituto mariñao.

O dirixente do Sergas centrou a súa exposición en chamar á “responsabilidade individual” para evitar máis contaxios. “Non podemos confinarnos eternamente“, afirmou, polo que realizou unha petición para que a veciñanza da Mariña e os turistas extremen as precaucións e manteñan as medidas de protección: máscaras, distancia interpersoal, evitar aglomeracións e a hixiene de mans. “O virus non desapareceu, pero se cumprimos as normas non teremos sustos importantes”, argumentou.

UN ÚNICO INGRESADO

Dos 33 infectados hai unha única persoa ingresada, un varón residente en Burela, de 71 anos, que permanece nunha planta do Hospital Público da Mariña, “evolucionando ben segundo o seu cadro”, indicou Ares.

MÁIS DE 400 PERSOAS CONFINADAS

O xerente da área sanitaria afirmou que “máis de 400 persoas” foron testadas e permanecen en seguimento domiciliario, asegurando que hai pacientes “son negativos e están completando os 14 días de corentena e ao cumprilos deixarían de estar en vixiancia, pasarían a facer vida normal”. Estes casos están a ser seguidos, en función da situación cada persoa, ben por Atención Primaria ben polos servizos do Hospital Público da Mariña.

“Estamos facendo as probas nun tempo moi curto, analizamos os casos unha vez se producen”, afirmou Ares. Cortés Canay afirmou que “todos os brotes van funcionar así; infectanse persoas que non teñen síntomas e por iso son tan difíciles de detectar, ata que o virus chega a xente con síntomas graves, aí é onde se perciben. Estamos detectando, cunha procura intensiva, casos que non atopariamos normalmente, pero que si seguirían transmitindo. Estamos afondando na cadea de transmisión do virus, por iso é tan importante a responsabilidade individual”, expuxo.

Á PROCURA DO CASO ÍNDICE

Ares concretou que a primeira persoa detectada con positivo, en Xove, “non se trata do caso índice” do brote, aínda que non quixo explicar cales son as hipóteses que baralla o Sergas sobre a orixe do mesmo: “é algo que non está pechado”, zanxou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...