JUAN MAYA. O rexedor de Burela, Alfredo Llano, reivindicou este xoves melloras no servizo ferroviario da Mariña. Llano pretende arranxar unha reunión cos alcaldes das localidades afectadas polo estado actual do FEVE para poder atopar unha solución común. A liña Ferrol-Ribadeo conta actualmente con tan só un único tren diario despois de que o número de viaxes fora reducido durante o estado de alarma, sen que RENFE se plantexe por agora recuperar as frecuencias.
A desmantelación progresiva dos servicios ferroviarios dispoñibéis na Mariña é algo que tanto os usuarios como os políticos levan tempo criticando. Segundo a resposta do Ministerio de Fomento ao parlamentario Miguel Anxo Fernán Vello do partido político En Marea, a liña carece de fiabilidade con constantes cancelacións e nos meses comprendidos entre xuño e setembro do 2019 suprimíronse 738 trens.
O SERVICIO “ESTÁ GRITANDO QUE LLE FAGAN CASO”
Llano pensa que o deterioro do servicio de tren na Mariña “ salta á vista” e que “todo o servicio de FEVE está pedindo axuda, está gritando que lle fagan caso porque realmente está a deteriorarse dunha maneira impresionante en todos os aspectos”.
O rexedor tamén considera que se lle está prestando pouca atención a un “servizo público fundamental e que debe selo no futuro”. “Non só hai que pensar en recuperalo, se non que tamén hai que melloralo”, afirma.
Llano denuncia tamén o estado actual da estación de Burela: “só hai que ver como a teñen”. “Imos ter que segala nós dende o Concello porque está completamente abandoada e non queremos que teña esa visión un pasaxeiro que veña e vexa todo abandonado, sen preparar e sen manter”, lamenta.
O alcalde de Burela tamén criticou a paralización da “vía de alta capacidade” e o estado actual das autovías, chegando a calificalas como “apantanadas”. Uns servizos que Llano considera “fundamentais para o desenvolvemento integral da nosa comarca”, tanto no aspecto “social como no económico”.
A XUNTA E RENFE “NON CUMPREN” COS COMPROMISOS ACORDADOS
Llano forma parte conxuntamente coa alcaldesa de Moeche dunha comisión de alcaldes na que representan “tanto á Ferrolterra, como a Ortigueira e á Mariña”. Nas reunións periódicas que tiñan con Renfe e coa Xunta de Galicia chegaran a “un compromiso para os servizos de tren” e tamén para prestar ”atención ás estacións e de obra” pero finalmente non se cumpriu “absolutamente nada”.
“Nós pedíamos un tren de cercanías Ribadeo-Viveiro, Viveiro-Ribadeo e Moeche e toda a zona de Ortegal, e outro para Ferrol”, asegura. Llano pretende recuperar as reunións que “deixaron de facerse hai tempo” e tamén “chamar a atención sobre o que estamos observando” e esixir unha explicación sobre “por que non se cumpriron aquí os compromisos que estaban xa sobre a mesa”. O rexedor pretende convocar unha nova reunión na que queren que participen “todos os alcaldes afectados”.
UN MOMENTO CRUCIAL PARA A MARIÑA
O rexedor considera que “xa é dabondo toda a problemática que estamos vendo agora con Alcoa e a cuestión sanitaria” e por iso hai que “reclamalo con contundencia e co peso que debemos de ter”.
“Queremos un servizo público de calidade en todos os aspectos”, conclúe. A intención é retomar as negociacións xa que considera que un “servizo público desta envergadura” é necesario para poder “axudar a desenvolver a bisbarra” e a evitar que “nos sintamos sen forza”, todo isto coa intención de que “a comarca conte con todas as vantaxes socioeconómicas para que a xente se vexa con confianza”.