O presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, situou a orixe do brote de coronavirus da Mariña Lucense, con 47 positivos segundo a última información oficial, “en dous ou tres bares do porto” de Burela.
“Sabemos de onde veu o brote, está localizado”, argumentou Feijóo, que ubicou o foco de propagación do virus “en dous ou tres bares xa pechados, onde os camareiros, case todos, estaban infectados e podían contaxiar os clientes que entraban e saían” dos locais.
Deste xeito, xustificou a decisión de prohibir as verbenas e a apertura de pubs e discotecas. “Pedimos prudencia no ocio”, porque neste tipo de establecementos “poden entrar moitas persoas”.
Das dúas persoas ingresadas con Covid-19 no Hospital Público da Mariña, concretou, unha -un home residente en Burela- está hospitalizada “por coronavirus” e outra, unha muller, “ten outra patoloxía de base” que é o “motivo de ingreso” e “ademais na PCR” detectouse coronavirus. Información ampliada no Galicia Confidencial.