O número de confinados na Mariña Lucense por mor do brote de coronavirus ascende a aproximadamente 1.100 persoas, segundo confirman fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas), cifra que ofrece unha mostra da importancia deste foco de Covid-19.
A procura de casos a partir dos positivos documentados segue a ser intensa e realizáronse unhas 1.500 probas PCR, ademais doutras arredor de 1.200 análises efectuadas nas residencias de maiores, onde non se documenta polo de agora ningún caso de Covid-19.
A Consellería de Sanidade documentaba este luns un total de 128 positivos detectados no brote da bisbarra mariñá, que permanece pechada -14 dos seus 16 municipios, todos os que pertencen ao distrito sanitario da Mariña, con centro no Hospital da Costa- para evitar que se propaguen os contaxios. Destes 128 infectados localizados, concretan as mesmas fontes, nove recibiron a alta, de xeito que se documentan 119 casos activos.