InicioEconomíaAs auxiliares de Alcoa piden aos Concellos de Cervo e Foz mediación...

As auxiliares de Alcoa piden aos Concellos de Cervo e Foz mediación para que se atenda a súa situación

Empresas e sindicatos solicitan entrevistas con Goberno e Xunta, a fin de reclamar ás Administracións que "calquera saída" para aluminio "pase por manter o 100% do emprego"

Publicada o

- Advertisement -

Empresas auxiliares de Alcoa e sindicatos das mesmas solicitaron aos alcaldes de Cervo, o popular Alfonso Villares, e Foz, o socialista Fran Cajoto, que medien ante Xunta de Galicia e Goberno central, respectivamente, para que as Administracións accedan a reunirse coa patronal e coa representación dos traballadores a fin de abordar a problemática específica das contratistas dentro do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa, que suporía 534 despedimentos na planta de aluminio e outros 400 na industria auxiliar.

Empresarios e obreiros pediron o pasado mércores xuntanzas a Goberno e Xunta, solicitudes que non tiveron resposta. Deste xeito, entregaron senllas cartas aos gobernos locais de Cervo e Foz para que “sexan eles quenes envíen as misivas e nos axuden a conseguir esa reunión. Por un lado, o que queremos é que (os Executivos autonómico e estatal) sexan coñecedores da situación da industria auxiliar”, indica o voceiro da coordinadora que aglutina a representación sindical nas contratistas, Quique Rocha. Ata dez firmas teñen o 100% dos seus contratos na planta de aluminio, polo que estarían abocadas ao peche, pero o ERE podería afectar tamén a arredor dunha vintena.

“DESAMPARADOS” AO CARECER DE REPRESENTACIÓN LEGAL NAS CONSULTAS DO ERE

Ante esta situación, prosegue Rocha, a outra reivindicación de patronal e sindicatos é reclamar a Xunta e Goberno o “compromiso” de que “calquera solución que se atope para Alcoa San Cibrao, sexa cunha venda ou a través dun prezo da enerxía” que poida reverter a situación, “garanta o 100% dos postos de traballo. Nós, como auxiliares, formamos parte dese 100%”, remarca Rocha.

“Non entendemos como non temos resposta” de Xunta e Goberno, indicou o voceiro da plataforma sindical, situación ante a cal piden aos Concellos que exerzan como “intermediarios” para que se poida abordar a súa situación. Unha posición de “desamparo“, na que ao non ter representación legal no período de consultas, os obreiros “parecemos meros espectadores” dunha negociación que afecta directamente aos seus postos de traballo. Rocha critica que por agora nin o Goberno autonómico nin o estatal “ofrezan o seu apoio”.

O BROTE DIFICULTA VISIBILIZAR O CONFLITO

Unha protección que consideran máis necesaria se cabe nun contexto do brote de coronavirus na Mariña, co peche de 14 municipios da área sanitaria, o que dificulta a posibilidade de realizar actos de protesta, pois limítanse as reunións a un máximo de dez persoas.

“A gran maioría” das arredor de 30 empresas auxiliares con contratos en Alcoa San Cibrao, sexa na planta de alúmina ou de aluminio, con máis de 1.000 postos de traballo implicados, concreta Rocha, sumáronse á causa iniciada polos traballadores, para que “calquera saída” que se atope para Alcoa pase por manter o 100% de emprego tamén nas contratistas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...