IniciosociedadeBurela seguirá illada e rematan as restriccións á mobilidade en Ribadeo, Barreiros,...

Burela seguirá illada e rematan as restriccións á mobilidade en Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo, Xove e Viveiro

Os seis concellos que formaban o perímetro de seguridade do municipio máis afectado polo brote quedan libres para a circulación de turistas e para a saída dos residentes ao exterior

Publicada o

- Advertisement -

O municipio de Burela seguirá por agora illado, con entrada e saída restrixinda salvo por motivos xustificados -desprazamento ao lugar de traballo ou desde o lugar de traballo, retorno á residencia habitual ou asistencia a coidado de menores, maiores ou dependentes-, mentres que a Xunta de Galicia levantará a partir das 00.00 horas as restriccións ao movemento das persoas nos concellos do perímetro do concello burelao; Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, onde ata o de agora só estaba permitida a mobilidade entre eles, concebidos na normativa como unha única área. Estes termos municipais poderán recibir turistas e os seus residentes saír cara o exterior.

A normativa que rexerá o illamento de Burela será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta tarde.

Continuarán vixentes en todos os municipios da comarca a máscara obrigatoria en espazos abertos e pechados, salvo á hora de consumir alimentos ou bebidas na hostalería ou de bañarse na praia; a prohibición de reunións de máis de dez persoas non convivintes; as limitacións de aforo de forma xenérica ao 50% e o peche á medianoite nos establecementos hostaleiros.

BURELA ACUMULA 116 DOS 151 POSITIVOS

No tocante ao número de casos activos no brote de coronavirus que conlevou o peche da Mariña, segundo os primeiros datos avanzados descende de 163 a 151. Burela concentra “o 77%” dos positivos localizados no foco da bisbarra, 116, nove menos ca no reconto oficial ofrecido onte, segundo concretou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha rolda de prensa.

O xerente do Sergas, o órgano de xestión do sistema público de saúde galego, Antonio Fernández-Campa, detallou que Burela foi o único dos 14 municipios da Mariña no que se rexistraron casos positivos de coronavirus nos últimos tres días. Por iso, xustificou a necesidade de manter as restriccións de movemento da súa poboación, malia unha mellora da situación.

Almuiña sinalou que, de acordo coas previsións do comité clínico, “a principios da semana que vén podería haber entre 30 e 40 casos activos”.

534 CONFINADOS

O conselleiro apuntou que se fixeron un total de 3.675 probas de PCR de detección do virus na Mariña, onde seguen confinados un total de 534 contactos, 50 menos que o día anterior.

No tocante á residencia de maiores de Burela, onde se detectou un positivo, o dunha traballadora substituta, por agora non se documentan máis casos entre o persoal nin tampouco entre os 88 residentes.

OS TURISTAS ESTRANXEIROS DEBERÁN ADVERTIR DA VISITA

Ademais, calquera persoa que chegue doutro Estado aos municipios onde se levantan as restriccións debe poñerse inmediatamente en contacto co teléfono 881.00.20.21 para facer seguimento dos posibles casos importados.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...