O Festival Bal y Gay celebrará do 12 ao 24 agosto a súa sétima edición, a da apertura deste certame de música clásica a varios municipios da Mariña. A cita, un clásico do verán de Foz, chegará nun 2020 particularmente complicado para a comarca a outros seis municipios, que poderán desfrutar, coas medidas de seguridade pertinentes, do poder “mitigador da mágoa e da dor”, segundo resalta a propia organización, dos ritmos e das melodías, interpretados polos mellores músicos.
PROGRAMA
A iniciativa contará con actuacións de preto dunha decena de intérpretes e bandas de música clásica como a Real Filharmonía de Galicia, o Quinteto InVento, Arcos Iris, o Cuarteto Cosmos, o Cuarteto Quiroga ou Ensemble Bal y Gay. Os recitais terán lugar en lugares públicos, auditorios ou emprazamentos destacados da Mariña como a Catedral de Mondoñedo, a Basílica de San Martiño de Foz, a igrexa de San Francisco en Viveiro, así como na Praza do Concello dos municipios de Trabada, Lourenzá e Barreiros ou no auditorio de Ribadeo.
En concreto, o 12 de agosto na Catedral de Mondoñedo, a Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave inaugurará con obras de Mozart a edición más ambiciosa deste festival no que se ofrece por vez primeira música sinfónica. O 14 na Igrexa parroquial de Foz, o grupo Sponte Sua e a soprano Ana Vieira interpretarán música barroca francesa.
O 18 na Igrexa Santa María do Campo de Viveiro, Cosmos Quartet e o clarinetista Luís Cámara tocarán obras de Haydn e Brahms. As melodías de Beethoven soarán en Foz o día 19 no Pazo de Fontao cun recital de piano e o 20 na Basílica de San Martiño co Cuarteto Quiroga en conmemoración do 250 aniversario do seu nacemento. O sábado 22 o festival ábrese á música jazz cun concerto de Hot Chocolates en Porto Chico de Foz. A música de Beethoven pechará esta sétima edición cun concerto de Ensemble Bal y Gay o día 24 de agosto no Auditorio de Ribadeo.
Consulta os horarios e o resto do programa nesta ligazón. As entradas estarán dispoñibles a partir do 24 de xullo.
PARA NENOS
O programa musical de Bal y Gay tamén contempla cinco concertos familiares dirixidos aos máis cativos. O sábado 15 o Quinteto Invento ofrecerá o espectáculo Pedro y el lobo en Mondoñedo, Barreiros e Trabada. O domingo 16 Arcos Iris ofrecerá Músicas del mundo en Viveiro e Lourenzá. O festival completa a súa programación coa proxección do documental Dancing Beethoven o día 16 no Auditorio de Mondoñedo e na Casa da Cultura de Foz e a conferencia “Cómo se transforman sociedades a través de la música”, a cargo de Nathaly Ossa o día 21 en Foz.
CLASES MAXISTRAIS, CONFERENCIAS E PROXECCIÓNS
O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo; a deputada de Turismo goberno provincial, Pilar García Porto; o presidente da asociación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, a directora do festival, Alba Rodríguez; o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto; a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, a rexedora de Lourenzá, Rocío López; a rexedora de Trabada, Mayra García Bermúdez; o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, e a primeira edil de Viveiro, María Loureiro, asistiron á presentación do programa da sétima edición do festival, entre outras autoridades.
Ademais, no marco do festival celebraranse actividades como clases maxistrais, conferencias ou proxeccións centradas tamén na música clásica.