A multinacional Alcoa accedeu a ampliar ata o próximo 4 de agosto o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) contemplado para a única fábrica de aluminio primario que queda en España e que está situada no municipio lucense de San Cibrao. O prazo de negociación do despedimento colectivo, que afectaría a 534 obreiros na factoría e a outros 400 de empresas auxiliares, finalizaba o vindeiro venres.
CATRO REUNIÓNS MÁIS
O comité de empresa, presidido por José Antonio Zan, indicou que tal decisión produciuse despois de “duras negociacións” e nun comunicado indicou que as próximas reunións entre a compañía e os traballadores con motivo deste proceso serán os días 28 e 30 de xullo e 3 e 4 do mes que vén.
O PROCESO PREVÉ O PECHE DA ELECTRÓLISE
A planta de aluminio de San Cibrao, alega Alcoa, afronta unha situación que a multinacional cualifica de “insostible” debido a unha serie de problemas externos de produción e de mercado que fan que a produción de aluminio primario sexa “ineficiente e non competitiva”, e que están causando, sinala a compañía, “perdas recurrentes moi significativas, que se espera que continúen”. A “reestruturación” anunciada pola empresa suporía, na práctica, pechar a electrólise e deixar á planta de aluminio primario practicamente sen persoal, coas consecuencias inmediatas e directas para o emprego nas empresas auxiliares, ademais de provocar un importante impacto na economía da comarca da Mariña e da provincia de Lugo.