O número de casos activos relacionados co brote de coronavirus que afecta á Mariña lucense sitúase en 42, dous menos que onte, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) ao mediodía deste venres. Os dous positivos menos son o saldo resultante da localización dun novo contaxio e de tres altas.
O número de PCR realizadas nesta última xornada foi de 58, de acordo coas mesmas fontes, das que unha resultou positiva e 57 negativas.
Dos 42 casos activos, “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, concreta o Sergas, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña, as mesmas ca onte, e a súa evolución “é favorable”.
As persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos hai 309 persoas confinadas, seis menos que onte.