Home Oriental A Pontenova A Mariña non tira a toalla do aluminio

A Mariña non tira a toalla do aluminio

1
A Mariña non tira a toalla do aluminio
A Praza do Concello, ao remate da manifestación. CEDIDA

Milleiros de persoas, 10.000 segundo a Garda Civil, marcharon este domingo nunha multitudinaria manifestación en Xove para reclamar a continuidade da produción de aluminio primario na Mariña Lucense, no último día de prazo para que Alcoa, a propietaria da planta, chegue a un acordo de venda coa siderúrxica británica Liberty House. Os traballadores da factoría, da que dependen máis de 500 empregos e outros tantos postos de traballo nas empresas auxiliares, recibiron o apoio dunha comarca que non se rende á hora de reclamar unha solución para unha industria da que se sabe dependente.

A Mariña “non tira a toalla“. Dese símil puxilístico se serviu o xornalista de Televisión Española Orestes Currás, criado na Mariña, fillo dun traballador da planta de alúmina -a refinería irmá do complexo industrial de San Cibrao que podería estar en risco en breve, é dicir, outros 900 empregos entre postos directos e indirectos, segundo advirten os sindicatos- para retratar a vida dos milleiros de cidadáns que saíron á rúa e que se concentraron na Praza do Concello, remate da manifestación.

Camión con tochos de aluminio, antes da saída da manifestación. CEDIDA

DISCURSO EMOTIVO

“Eu crieime aquí moi preto, aí arriba en Palmeiro, unha urbanización deseñada como Río Covo para os traballadores da daquela Inespal“, lembrou o xornalista, que reviviu a súa infancia, similar á de milleiros das persoas reunidas na praza. Durante a súa intervención fixo un percorrido polos últimos 40 anos desta comarca, apelando a “aqueles que non están” e construíron coas súas mans á fábrica, ás mulleres da Mariña que sacaron adiante as familias “mentres vós, os traballadores, sufrides os cambios de quenda. A riqueza desta comarca nace das vosas mans”, salientou.

“Por iso sinto orgullo e honra de estar con vós aquí, porque non hai cousa máis digna que apoiar á quen loita polo seu pan, polo seu traballo, por un dereito constitucional”, afirmou.

Cabeza da manifestación. AXM

Antes, durante o camiño, os manifestantes, unha vez máis, berraron incansables as consignas habituais: ‘Se non hai solución, Goberno dimisión‘, ‘Fóra yankees, pandilla de mangantes‘, ‘Álvaro Dorado (presidente de Alcoa España), primeiro ti ao paro‘, ‘A solución unha intervención‘, ‘Queremos traballar e non emigrar‘, ‘Madrid, escoita, A Mariña está en loita‘, ‘Enerxía solución‘ ou ‘Sen industria non hai futuro‘.

O “ENTERRO” DUNHA INDUSTRIA QUE DEU ESTABILIDADE A VARIAS XERACIÓNS

Á fronte da comitiva, que partiu da estación de tren, o punto de donde sae o aluminio primario fabricado en San Cibrao para a planta de Amorebieta, un camión simbolizaba o enterro da produción de aluminio primario en España -San Cibrao é a única fábrica que queda no Estado-, levando dous tochos do metal rodeados de coroas: unha por cada Concello da comarca da Mariña. Dirixentes de todas as forzas políticas, entre eles os alcaldes e alcaldesas da bisbarra, así como numerosos concelleiros, secundaron a protesta, entre eles a deputada autonómica Elena Candia (PP), o representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, ou o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

ÚLTIMAS HORAS PARA UN ACORDO DE VENDA

A protesta serviu como inicio do último día de prazo para que Alcoa e Liberty House cheguen a un acordo de venda da planta de aluminio. A titular da instalación insistiu en culpar á portencial compradora da falla de avances na negociación, aínda que segundo o seu propio testemuño non variou a súa posición desde o inicio das conversas; os sindicatos acusan á titular da factoría de “mala fe” e de tentar “boicotear” unha operación.

DE NON HABER PACTO, ESTE LUNS RETOMARASE O PERÍODO DE CONSULTAS DO ERE

Se non frutifica unha venda, a comisión negociadora que representa aos traballadores e a dirección da propietaria reuniranse mañá luns, 28 de setembro, no Pazo de Cea (Nigrán), a partir das 12.00 horas, para retomar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional estadounidense.

Bonecos que representaban a Álvaro Dorado e Roy Harvey, dirixentes de Alcoa. AXM

O COMITÉ: “OU VENDA OU INTERVENCIÓN, NON HAI OUTRA SOLUCIÓN”

O presidente do comité, José Antonio Zan, reclamou ao Goberno central e ao da Xunta de Galicia a intervención da planta se Alcoa se nega a vender. “Cando unha sociedade, como demostra hoxe, non se dobrega ante unha multinacional, non se poden dobregar as Administracións. Esta fábrica era nacional antes de que chegase (a compañía estadounidense) aquí, foi regalada de forma ruinosa para o Estado, que puxo un mon e agora non se pode permitir que peche”, expuxo.

“NON IMOS PROVOCAR UN CISMA SOCIAL POR UN POUCO DE DIÑEIRO”, DIN OS SINDICATOS

Sobre a posibilidade de retomar as negociacións do ERE, Zan foi claro respecto a que non van ceder a unha parada das cubas de electrólise, que os sindicatos entenden como o corazón industrial da bisbarra: “non imos ceder nin aceptar diñeiro a cambio de vender unha comarca enteira e provocar un cisma social na Mariña Lucense”, espetou.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here