InicioEconomíaAlcoa asegura que "non hai ningunha decisión tomada" sobre o despedimento colectivo

Alcoa asegura que “non hai ningunha decisión tomada” sobre o despedimento colectivo

A multinacional insiste en que negociou "de boa fe" e alega que as propostas de Liberty House e a SEPI "eran practicamente as mesmas" e "non garantían a viabilidade da fábrica"

Publicada o

- Advertisement -

EFE. Alcoa asegura que, unha vez finalizado sen acordo co comité de empresa o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende executar na planta de aluminio de San Cibrao, “non hai ningunha decisión tomada” aínda sobre o despedimento colectivo de 534 traballadores do complexo industrial da comarca lucense da Mariña, unha medida que afectaría aos postos doutros 400 obreiros segundo estiman os sindicatos.

Fontes de Alcoa recordaron a Efe que “a empresa dispón de quince días para tomar unha decisión“, unha vez que o período de consultas terminou sen un acordo entre as partes, pero en relación “co despedimento colectivo” deses 534 traballadores da planta de aluminio primario “non a tomou aínda”.

XUSTIFICA A SÚA NEGATIVA A NEGOCIAR POR ALÚMINA: “NON ESTÁ EN VENDA”

En todo caso, a compañía insiste en que sempre obrou de “boa fe” no proceso de negociación para a venda da planta, pero dentro duns “principios razoables” e sempre “limitado” á factoría de aluminio primario, porque a refinería “de alúmina non está en venda”.

“As condicións non razoables e fóra do acordo” alcanzado coa representación dos traballadores “mantivéronse desde do principio por parte de GFG Alliance -Liberty House-, e as condicións ofertadas pola  Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) eran practicamente as mesmas“, engade a multinacional.

Unhas condicións, insiste, que “non garantían a viabilidade da fábrica nin a protección dos traballadores“, porque Alcoa estaba disposta a crear un fondo dotado “con 70 millóns de dólares”, pero “Liberty House non quería ofrecer nada”.

Ademais, recorda, “Alcoa estaba disposta a vender a planta por un euro e a asumir os custos de separación de ambas fábricas, cifrados nuns cincuenta millóns de dólares”.

Con todo, “a oferta tamén da SEPI esixía un stock, un almacenamento de alúmina, para 60 días”, o que tería “un custo engadido” para Alcoa duns 20 millóns de dólares.

INSISTE EN ATRIBUÍR AS PERDAS AO CUSTO DA ENERXÍA

Segundo a multinacional, “o custo da enerxía eléctrica en España fai inviable a produción de aluminio primario”, porque o país carece “dun marco enerxético estable e competitivo“, que “Alcoa leva anos reclamando”, dado que a factura enerxética supón entre o 40 e o 45% dos custos de produción do aluminio.

Recorda, así mesmo, que Alcoa é “o primeiro consumidor unitario de enerxía eléctrica de España“, dado que consome “o 1,5 % do total no Estado“, o que levou á compañía, coa actual regulación, a perder “110 millóns de euros entre os anos 2018 e 2019”. Nestes momentos, asegura, “as perdas continúan”, a razón de “un millón de euros á semana”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...