PP e PSdeG polemizaron este luns polas cantidades e obras reservadas para A Mariña Lucense no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE). Os populares falan de “abandono total” do Goberno bipartito á comarca, “a máis sacrificada” polos presupostos, mentres que os socialistas acusáronos de “tomarlle o pelo” á veciñanza da bisbarra e de “poñer a venda antes da ferida” con respecto ás contas que presentará a Xunta de Galicia.
ACTO DO PP EN BARREIROS
Representantes do Partido Popular da Mariña concentráronse este luns en Barreiros para denunciar que o Goberno central, en palabras do vicesecretario de Participación e deputado no Congreso, Jaime De Olano, “enterra a A-74”. Deste xeito, os populares adiantaron que presentarán emendas ao documento orzamentario, “co fin de que se corrixa este agravio“, e se incrementen as partidas substancialmente para poder dar comezo ás obras desta infraestrutura tan elemental para a comarca.
Os populares lamentan así as “cativas partidas” que o Executivo incluíu para esta autovía. “Supoñen unha redución do 87% respecto do último investimento aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018. Concretamente, fronte aos máis de 3 millóns de euros que contemplaba o Executivo popular nese ano, os actuais dirixentes só inclúen 400.000 euros para o vindeiro exercicio”, remarcan os conservadores.
O PP tira non só das cifras consignadas senón tamén das previsións de gasto para cargar contra o Executivo central. “Cristóbal Montoro deixara consignada a partida para redactar, aprobar e licitar os dous treitos máis próximos á Autovía do Cantábrico, os que unen Barreiros, Foz e Burela. O traxecto de Foz a Burela tiña un custe total de máis de 93 millóns e unha asignación que se aproximaba aos 2 millóns de euros. Esta subiría aos 10,3 millóns en 2019 e aos 20 millóns en 2020 para cumprir as previsións indicadas. Para o comprendido entre Barreiros e Foz (82,38 millóns), recollía un investimento de case 1,3 millóns en 2018, que ascendía a máis de 11 millóns en 2019 e a 20 millóns en 2020. O derradeiro traxecto Burela-San Cibrao, cun orzamento total de 83 millóns, tiña consignado medio millón para 2018; 10,5 millóns en 2019; 22 millóns en 2020; e 25 millóns en 2021″, salientan.
“Estamos na comarca máis sacrificada polo PSOE”, afirmou a presidenta provincial do partido conservador, Elena Candia. A tamén deputada autonómica insistiu en que “recentemente tamén viamos como o Plan de Sostibilidade Turística quedaba fóra dos fondos estatais a pesares de ter o compromiso da financiación por parte da Xunta de Galicia”, unha situación que provocou polémica, dado que os socialistas aseguraron que o Goberno autonómico relegou A Mariña ao último lugar da súa proposta.
OS CONSERVADORES CRITICAN QUE O FEVE “NIN SE CITA”
Elena Candia reafirmouse así na idea de que “estamos pagando os pactos dos socialistas. A Feve nin se cita -o último orzamento para a parte mariñá da liña Ferrol-Ribadeo nuns PGE dos conservadores foi de 15.000 euros– e con Alcoa xa vimos cales foron as xestións”, sentenciou.
“A A-74 é a grande infraestrutura que permitirá vertebrar a Mariña, ao enlazar a A-8 con San Cibrao. Coas partidas anunciadas, “o único que van facer é que se abandone por completo”, censurou Olano. Por este motivo, agarda que os voceiros e alcaldes do PSOE, BNG e de Podemos da comarca se opoñan a este proxecto orzamentario.
“Quedounos claro o nulo peso que ten o presidente (da Deputación Provincial de Lugo, José) Tomé nas decisións do Goberno do Estado, pero a Mariña necesita un empurrón. Está a pasar por dúas crises intensas que son a de Alcoa e a da covid-19, que afecta, esta última, ao comercio e a turismo, e que están mermando o ánimo das mariñaos. Se anunciase a licitación do primeiro treito desta autovía sería un revulsivo para as esperanzas e o noso futuro”, defende.
PIÑEIRO LEMBRA QUE ALCALDES SOCIALISTAS “FACÍAN UNHA CONCENTRACIÓN TODOS OS ANOS NA N-642”
Tamén se amosou crítico co Goberno Compromiso por Galicia (CxG). O responsable do partido, Juan Carlos Piñeiro Docampo, lembra que “todos os anos os cargos do PSOE facían unha concentración na N-642 para reclamar o trazado da autovía Barreiros/San Cibrao, chega con consultar a hemeroteca”.
“O Goberno Sánchez leva cos orzamentos de Montoro desde a moción de censura, agora presenta as súas liñas mestras de inversión e deseño de país e dá un golpe aos intereses dos veciños da comarca da Mariña”, lamentou.
“Non é un tema menor, como sempre reclamaban os cargos socialistas esta autovía é a saída por terra da factoría alumineira de San Cibrao, esta logo o PSOE certificando que non é estratéxica esta factoría”, lamentou Piñeiro Docampo, que censurou “a dobre moral” dos alcaldes do partido socialista, pois “impórtalles máis” a formación “ca os veciños. Terían que quitar a foto de 2020 reclamando con máis forza fondos para esta vía”, expuxo. CxG reclamou a “comparecencia” de César Mogo e Patricia Otero.
OTERO APUNTA ÁS CONTAS DA XUNTA
A secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e deputada autonómica foi a encargada de responder ás críticas. Otero falou en global, apelando ao conxunto da provincia, para sinalar que “estamos diante dos mellores orzamentos do Estado para Lugo dende o ano 2010”, e acusou ao PP “de mentir máis que falar”.
A dirixente socialista dixo que o “PP provincial de Lugo lanzouse a unha romaría de roldas de prensa por toda a provincia. “Fano para poñerse a venda antes da ferida, xa que a mala previsión dos vindeiros orzamentos da Xunta lévaos a mentir ou a ocultar a verdade”, criticou.
O PP “NON DEIXOU UN SÓ METRO PLANEADO, LICITADO NIN CONSTRUÍDO” DA AUTOVÍA, CENSURA
Otero cuestiona a versión do PP cando sinala que deixou encamiñada a Autovía da Mariña. “Nin un só metro nin planeado, nin licitado, nin construído; debe ser unha broma porque, de non selo, é tomarlle o pelo aos veciños desta comarca”. E no que se refire á mellora do tren, argumenta, “o PP volve a mentir porque saben moi ben que Renfe xa adquiriu novos equipamentos para toda España, que virán substituír os vellos para os que o Goberno do PP non investiu nin un euro. O resto do que se necesita para mellorar o tren é adecuar horarios e mellorar estacións para o que non se require partidas dos Orzamentos”.
A secretaria provincial do PSdeG insistiu en que “Lugo é a terceira provincia do conxunto de España que máis crece en orzamento adicado en infraestruturas de toda España, e que se acomete a conexión por ferrocarril con Ourense e culmínase a Autovía con Santiago. Os orzamentos do Estado tamén aseguran que Lugo contará coa nova estación intermodal, agora só falta que unha vez máis o Goberno de Feijóo cumpra coa súa parte”, advertiu.
Sinalou ademais que “miles de lucenses beneficiaranse da suba das pensións contributivas e non contributivas, así como polo incremento do soldo aos empregados públicos ou axuda do Ingreso Mínimo Vital. O mesmo ocorre co incremento dos investimentos dedicados á educación ou á sanidade desde o Goberno de Pedro Sánchez”.
OS SOCIALISTAS PREGUNTAN POLA VAC COSTA NORTE
Otero convidou a De Olano “a poñerse a traballar polos lucenses e polos cidadáns da Mariña esixindo que a Xunta nos seus próximos orzamentos comece a pagar as incontables débedas que ten coa provincia e coa comarca. Sen ir máis lonxe, a chegada do AVE a Lugo -compromiso en firme de Núñez Feijóo que leva 11 anos conxelado- ou o peche do corredor norte da vía rápida desde Viveiro, ou os déficits acumulados na atención sanitaria primaria que empeza a ser penosa”, finalizou.