InicioEconomíaO TSXG estima en parte as medidas cautelares e ordena a Alcoa...

O TSXG estima en parte as medidas cautelares e ordena a Alcoa absterse de parar as cubas

A Sala entende que a empresa pode executar os despedimentos e deter a produción, pero debe manter a maquinaria activa por se o ERE fose nulo

Publicada o

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aceptou en parte a solicitude de medidas cautelares presentada polos sindicatos CC OO, CIG e UGT contra o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado por Alcoa na planta de aluminio de San Cibrao.

O alto tribunal galego acolleu o pasado 28 de outubro durante case nove horas a audiencia sobre a solicitude de medidas cautelares previas relativas a un ERE que afectaría a máis de 500 traballadores da fábrica de San Cibrao, ademais de supoñer tamén a perda doutros 400 postos de traballo na industria auxiliar, e a parada das cubas de electrólise, o que os obreiros entenden como “a morte” do complexo industrial, que inclúe unha refinería de alúmina.

No procedemento figuraban como demandantes este tres sindicatos e como demandados Aluminio Español S. A. e Alcoa Inespal Coruña S. L., coa intervención no proceso como partes interesadas da Xunta de Galicia e do Goberno de España.

Os sindicatos reclamaban a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme.

E de maneira subsidiaria, que se ordenase a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non procedese a parar a produción de aluminio na fábrica nin as cubas de electrólise.

O alto tribunal estima esta última petición e ordena á empresa “absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada de cubas“. A Sala entende que a empresa si pode executar os despedimentos, pero debe manter a maquinaria activa por se o ERE fose considerado nulo.

A SOLICITUDE DA ADMINISTRACIÓN DA PLANTA POLA SEPI, “DESPROPORCIONADA”

Sobre a primeira das solicitudes, os maxistrados entenden que sería unha medida “desproporcionada” outorgar á SEPI a administración da planta de aluminio mentres dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e se dite sentenza firme. O tribunal manifesta que en cambio a intervención sería, en todo caso, unha “medida alternativa igualmente eficaz e menos prexudicial” para a empresa.

Os xuíces indican no auto que esta intervención, que estaría orientada a controlar as actividades desenvolvidas na planta co obxectivo de manter as cubas en situación de reiniciar de inmediato tras unha eventual cualificación do despedimento colectivo como nulo, non concorda, con todo, coa posición procesual da Avogacía do Estado. Así, sinalan que, ademais de manifestar na vista que non asistía en representación da SEPI, o propio avogado do Ministerio de Industria asegurou que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención xudicial da planta”.

O letrado amosouse durante a audiencia máis partidario de que Alcoa esperase á sentenza firme porque os custos que lle podería supoñer “non serían un gran quebranto económico senón todo o contrario“.

NEGAR OS DESPEDIMENTOS “TRASTORNARÍA LÍMITES E PRAZOS” DO ERE

A Sala analiza tamén no auto a pretensión dos sindicatos de que por orde xudicial Alcoa se absteña de despedir aos traballadores afectados polo ERE. Os xuíces conclúen que isto non é posible, pois “trastornaría os límites e prazos” que debe cumprir a empresa con respecto ao expediente de regulación de emprego. Tampouco se acolle por parte do tribunal a pretensión de que se ordene á factoría que manteña a actividade na planta, por considerar que se trataría dunha “medida desproporcionada”.

O MANTEMENTO DAS CUBAS É “IMPRESCINDIBLE” PARA READMITIR OBREIROS DE DECLARARSE A NULIDADE DO ERE

Finalmente, sobre a solicitude de que se obrigue a Alcoa a manter as cubas en situación de retomar a produción de maneira inmediata, os maxistrados entenden que ese mantemento “devén imprescindible no caso hipotético da inmediata readmisión que se derivaría dunha declaración de nulidade do despedimento colectivo“, posto que o apagado das cubas electrolíticas, “aínda non sendo un proceso irreversible, ofrécese complexo, custoso e dilatado no tempo, carrexando, en suma, graves prexuízos aos traballadores”.

Estas medidas quedarán sen efecto se non se interpón a demanda principal de impugnación de despedimento colectivo no prazo marcado pola Lei, ou se nesa demanda non se solicita a declaración de nulidade. Contra o auto só cabe recurso de reposición de conformidade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...