Teñen distinta cor política, pero unha preocupación común. Os alcaldes de Abadín (José López Rancaño, PP), O Valadouro (Edmundo Maseda), Ourol (José Luis Pajón) e Xermade (Roberto García, os tres do PSOE) e Muras (Manuel Requeijo, do BNG) reuníronse no consistorio deste último municipio para abordar a problemática do lobo, que afecta a gandeiros e veciños da serra do Xistral.
Os alcaldes do Xistral aseguran que a situación dos gandeiros da zona, na que predomina a gandería en libre estabulación, é “desesperada” por mor dos ataques do lobo.
“No Cadramón temos ganderías con 600 cabezas que só quitan 15 becerros ao ano porque o lobo come ao resto das crías”, sinala Maseda.
“no cadramón hai ganderías con 600 CABEZAS que só conservan 15 becerros ao ano”, expón o alcalde do valadouro
Os rexedores resaltan que non son técnicos e que carecen dunha solución ao respecto, pero consensuaron unha postura común sobre este tema e solicitan de forma conxunta unha xuntanza coa titular da Consellería do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
MANADAS “EN AUMENTO”
Os rexedores afirman que o número de manadas que operan na serra vai en aumento, “porque así nolo din os veciños”, expón Maseda, que precisa que “no Cadramón hai un grupo de seis que causa estragos. En parroquias coma Freixulfe, San Tomé ou Vilacampa os veciños teñen medo, porque os lobos cada vez están máis cómodos preto das casas”.
os veciños cren que aumentou o número de manadas e tamén perciben un incremento dos ataques
Requeijo asegura que “na pasada edición da Feira do Poldro todos os gandeiros nos falaron dun aumento do número de ataques”.
O alcalde do Valadouro sostén que “estannos a dicir veciños que hai voitres no Xistral. Teño 55 anos e nunca vira ningún nin oíra falar deles por aquí, pero agora a cantidade de cadáveres que atopan atráeos”, argumenta.
PIDEN UN CENSO
Requeijo quéixase de que “non hai transparencia por parte da Xunta de Galicia sobre a cantidade de familias que habitan a zona”. Por iso, os alcaldes esixen un censo do número de lobos que hai na comunidade.
AXUDAS ESCASAS
A liña de axudas disposta polo Goberno galego suscita tamén críticas. Os rexedores lamentan o importe escaso das subvencións. “Se o lobo che mata catro becerros, polos que poderías quitar 4.000 euros, o que recibes por eles non pasa de 800”, expón Requeijo.
os edís critican que as axudas son escasas e a lexislación restritiva á hora de conceder as subvencións
EXCESIVA BUROCRACIA
A excesiva burocracia á hora de tramitar as axudas é outra materia pendente. O alcalde de Muras pon outro exemplo. “Se un lobo mata a un becerro e deixa só as patas, o normal é que as recollas, porque no monte non van durar. Ten pasado que, despois dun ano de tramitación para acadar unha compensación, che digan que non conceden a axuda porque manipulaches os restos. Resulta humillante”, expón Requeijo.
FRÁXIL EQUILIBRIO
De fondo laten dúas feridas abertas. Por un lado, a do fráxil equilibrio entre o ser humano e o lobo. Mentres que noutros momentos se perseguiu e cazou aos animais como “alimañas“, os alcaldes consideran que se está a sobreprotexer ao cánido en detrimento das persoas.
“Non estamos en contra dun animal que existiu e que ten que existir polo ben da natureza. Pero temos que atopar unha convivencia”, sinala Maseda.
acadar o equilibrio entre lobo e o ser humano suporía acadar “algo case único no mundo”
O premio, de atopar a receita, é conservar algo case único no mundo. “Somos a única terra do planeta, xunto con Mongolia, na que conviven lobos e bestas”, precisa o rexedor valadourense. Pero para manter esa riqueza, defenden os alcaldes, hai que compensar aos veciños que padecen as súas consecuencias negativas.
O RURAL, SEN XENTE
O outro conflito é o do despoboamento do rural, o dunha poboación que se sinte indefensa ao ter que lidiar cada vez máis con criterios organizativos que se toman lonxe das aldeas.
a xente do rural síntese afogada e marcha por criterios que se toman lonxe das aldeas, denuncian
“Agora que non se poden tocar os ríos, non hai troitas. O monte está cheo de toxos e xestas, a mercé dos lumes. A Lei do Solo é restritiva para os veciños, que non poden facer nada”, enumera Maseda, que engloba a problemática do lobo neste contexto.
“As turbeiras e humidais do Xistral son a envexa de Europa. Será porque os veciños coidaron ben da zona. Pero a xente do rural está afogada e acabará por marchar. Temos un problema de relevo”, advirte.
a solución pasa por unha mesa na que se senten veciños, administracións e ecoloxistas
CONSENSO
A solución pasa por facer de novo do rural o que sempre foi, un lugar produtivo. E por un consenso: “na mesa teñen que sentar todos. Veciños, políticos, ecoloxistas”, expón Maseda. “Temos que repensar como queremos vivir. Non se pode afrontar como un problema de tal ou cal consellería”, remata.