A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou, a través dun comunicado de prensa, que a reumatóloga que había no Hospital da Costa “comezou a traballar no HULA e, de momento, está a desprazarse os luns a Burela a pasar consulta, polo que a efectos prácticos pérdese outro servizo máis no distrito”. Unha circunstancia, sinala, que provocou “a queixa de varios pacientes”.
O colectivo explica que o Hospital da Mariña “contaba ata hai pouco cunha reumatóloga para a atención duns 70.000 habitantes. Desde este colectivo sanitario denunciouse en reiteradas ocasións que era de todo insuficiente e que se precisarían dúas profesionais para que a poboación estivese minimamente atendida. Agora quedamos nunha situación caótica, xa que a consulta un día á semana semella unha tomadura de pelo”, remarca.
A AGRUPACIÓN FALA DE “PACIENTES SEN VER DESDE 2017”
A plataforma sanitaria expón que vén facendo reclamacións de pacientes, tanto nos dispositivos móbiles que creou hai un tempo e que neste momento están suspendidos por mor da pandemia, como individualmente. “Sabemos que hai pacientes de reumatoloxía sen ver desde o ano 2017“, afirma a coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, quen asegura que “este tempo de agarda é inadmisible e mesmo incumpre toda normativa e leis de garantías, tanto se están en listas de agarda oficiais coma se están nas listas non estruturais”.
A este respecto, o tamén voceiro da plataforma, Víctor Vila, manifesta que “tiñamos razón cando advertimos das consecuencias que suporía a eliminación da área sanitaria da Mariña, e que os máis e mellores servizos que profetizaba o entón delegado territorial da Xunta de Galicia non son máis que una falacia“.
O colectivo reclama ao Goberno autonómico do Partido Popular que “poña fin” á situación “de desamparo e abandono” dos pacientes e “dote o servizo dos profesionais necesarios a tempo completo, durante todos os días da semana. Parécenos que a ampliación de espazos é moi necesaria, como así vimos mantendo desde o ano 2010, máis as publireportaxes vendendo metros cadrados e millóns de euros non teñen ningún sentido se perdemos servizos e profesionais, máis alá de lavar a imaxe privatizadora e destrutora da sanidade pública que ten o Goberno da Xunta”, conclúe.
O SERGAS NEGA A DEMORA ATRIBUÍDA POLA PLATAFORMA
O Sergas, pola súa banda, asegurou que iniciou “de xeito inmediato o proceso para incorporar un novo especialista ao servizo de reumatoloxía do Hospital Público da Mariña e, nestes momentos estanse a realizar todas as xestións necesarias para que no mes de decembro se incorpore un novo reumatólogo”.
No mes de novembro, expón a Xunta, “séguese a prestar atención reumatolóxica no Hospital Público da Mariña, xa que a xerencia da área sanitaria está a desprazar especialistas a este centro hospitalario para atender a demanda existente”. A Consellería de Sanidade nega “a demora” atribuída pola plataforma, que cifra “en inferior a 30 días”.