IniciosociedadeA directiva do comercio histórico de Viveiro dimite tras unha campaña durante...

A directiva do comercio histórico de Viveiro dimite tras unha campaña durante o peche sen o seu permiso

Trinta socios celebraron pola súa conta o Shopping Weekend recén decretado o confinamento perimetral do municipio, un evento que a xunta decidiu pospoñer para "evitar aglomeracións"

Publicada o

- Advertisement -

A directiva do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) anunciou a través dun comunicado a “dimisión irrevocable” dos seis integrantes da xunta presidida por Dolores Pérez Santos, unha medida que se fará efectiva a partir do 1 de decembro. Ademais, expón que o prazo para a presentación de candidaturas está aberto, con data límite o vindeiro luns.

O motivo da demisión en bloque é “a organización paralela por un grupo de socios, sen o consentimento da directiva, dunha das campañas máis importantes do ano, o Shopping Weekend, nos días 6 e 7 de novembro, recén decretado o peche perimetral e da hostalería no concello de Viveiro, cunha situación epidemiolóxica de alerta vermella“.

AS AUTORIDADES “NON RECOMENDARON” CELEBRAR O EVENTO, POLO QUE SE QUIXO ADIAR “POLA SAÚDE DE TODOS”

A directiva saínte explica as súas razóns, en primeiro lugar, de responsabilidade civil. “Ante a falta dunha lexislación ad hoc sobre este tipo de eventos, (o colectivo) consultou coas autoridades competentes a súa celebración, recibindo a recomendación de non celebrar a campaña. Deste xeito, tomou a decisión de pospoñela a un momento máis propicio ao non considerala pertinente no mencionado contexto sanitario, entendendo que había que cumprir coa necesidade de evitar colas e aglomeracións á entrada dos negocios. A xunta resalta que o comercio local é sen dúbida seguro, pero en circunstancias excepcionais e ante a habitual afluencia de persoas nesa fin de semana para mercar e beneficiarse dos descontos, está por diante a salvagarda da saúde dos comerciantes, dos traballadores e da veciñanza”, argumenta.

En segundo lugar, a directiva do CCHV considerou que a decisión tomada por razóns de saúde estaba apoiada por motivos “de índole económica, dado que o Shopping Weekend atrae cada ano a compradores non só de Viveiro, senón de toda A Mariña Lucense e tamén da comarca de Ortegal“. Deste xeito, dubida “da rendabilidade da campaña nese momento ante a imposibilidade de que clientes de fóra do municipio poidesen desprazarse ao casco histórico”.

Neste contexto, relata a dirección do colectivo, “un grupo de socios decidiu organizar en paralelo a mencionada campaña, sumándose un total de 30 dos 103 comercios asociados. Así, a directiva saínte entende que se puxo en cuestión non só unha decisión que cre meditada e responsable en atención ao interese xeral, senón tamén o seu traballo a prol do comercio do casco histórico de Viveiro”, salienta.

A “MAIORÍA” DOS ACTOS DA CAMPAÑA DE NADAL ESTÁN “APROBADOS”, PRECISA

A Campaña de Nadal, á volta da esquina, é unha das principais preocupacións dos asociados. A directiva saínte aclara que “comezou a traballar o pasado mes de setembro na organización da mesma, quedando aprobada a maioría das iniciativas na acta da reunión ordinaria da xunta do 7 de outubro. Quedan aprobadas a compra e reparto dos abetos, unha acción relacionada coa entrega de cartas dos nenos a Papá Noel adaptada ao escenario actual da Covid-19 e a realización dunha ruleta de premios, así como a colocación da árbore de luz en exteriores. A celebración do sorteo dos soldos queda vinculada á decisión que tome a directiva entrante, xa que depende das medidas sanitarias vixentes nese momento”, concreta.

Finalmente, desde a directiva saínte remarcan “a complexidade de dirixir unha asociación coma o CCHV nun momento coma o actual, cunha situación sanitaria que pon en risco as nosas vidas e marca o ritmo das actividades socioeconómicas, provocando constantes cambios na normativa e dificultando a toma de decisións por parte das agrupacións. A xunta conclúe que agora máis ca nunca é preciso o apoio dos asociados e a unión do comercio local, polo que considera especialmente grave a situación relatada”, rematan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...