Indalecio Seijo Jordán substituirá a José Manuel Vilariño Anca como presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Así o anunciou a Xunta de Galicia a través dun comunicado de prensa.
Indalecio Seijo, nado en Ferrol en 1963, é oficial da Armada desde o ano 1987 e enxeñeiro naval desde 1997. Na actualidade exerce de capitán de navío e de subdirector do Canal de Experiencias Hidrodinámicas do Pardo en Madrid.
Martín Fernández Prado substituirá a Enrique Losada á fronte da Autoridade Portuaria da Coruña mentres que o ex conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña ocupará o lugar de Enrique López Veiga na de Vigo.
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía terá como novo presidente a José Manuel Cores Tourís, cargo que actualmente ostenta Sagrario Franco.
Estes cambios sairán publicados nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e posteriormente no Boletín Oficial do Estado (BOE) facéndose efectivos ao día seguinte da súa publicación no BOE.