InicioEconomíaAprobado o estatuto, que bonificará á industria electrointensiva ata o 85% dos...

Aprobado o estatuto, que bonificará á industria electrointensiva ata o 85% dos cargos da factura eléctrica

O Goberno cre que o documento, considerado chave para a viabilidade da planta de aluminio de San Cibrao, dá "certezas" sobre o prezo da luz e "mellora a competitividade" das empresas

Publicada o

- Advertisement -

O Consello de Ministros aprobou este martes mediante un Real Decreto o Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, documento comprometido polo Goberno central hai máis de dous anos e considerado fundamental para dar un marco estable ao prezo da enerxía á industria altamente dependente da electricidade, como é o caso da planta de aluminio de San Cibrao, sobre a que pesa un expediente de regulación de emprego (ERE) que validará ou tombará o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A medida, que levaba pendiente de aprobación desde abril de 2019, beneficiará a 612 empresas de alto consumo eléctrico, rebaixando o seu recibo da luz e elevando así a súa competitividade.

Na mencionada data, o Goberno decidiu revisar o proxecto de estatuto, despois de que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) advertise de que os mecanismos que incluía podían constituír axudas de Estado incompatibles coa lexislación europea.

O estatuto “dota a determinadas empresas industriais, en concreto a aquelas para as que o custo do fornezo eléctrico resulta especialmente crítico, dun marco xurídico e económico que proporciona seguridade e certeza dos custos enerxéticos e mellora a súa competitividade internacional, todo iso de conformidade coa normativa comunitaria“, segundo recolle o Executivo central nun comunicado.

BENEFICIARÁ A “612 EMPRESAS”, CUNS “300.000 OBREIROS”

Para a ministra de Industria, Reyes Maroto, “o Estatuto do Consumidor Electrointensivo é un instrumento de política industrial co que o Goberno de España mellora a competitividade da gran industria e favorece o investimento industrial ao contar as empresas, por primeira vez, dun marco normativo de recoñecemento a estes consumidores, con novos instrumentos que ofrecen maior estabilidade, seguridade e certeza do prezo da enerxía”, valorou.

Segundo a previsión do Executivo central, o Estatuto “vai beneficiar a 612 empresas de máis de 60 actividades industriais e uns 300.000 traballadores, e xunto coas Axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 e o Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas (FERGEI), suporán un novo marco legal ao servizo da gran industria”.

A ministra Maroto recorda que “os principais países da UE xa puxeron en marcha marcos normativos de recoñecemento a estes consumidores, polo que é necesario que o noso país poña en marcha o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para corrixir a desvantaxe competitiva que orixina ás industrias que operan no noso país non contar aínda cun marco desta natureza”.

OBRIGAS DE MANTER O EMPREGO

O Estatuto impón obrigas e compromisos ás empresas nos ámbitos de eficiencia enerxética, I+D+I e substitución de fontes contaminantes, que os consumidores electrointensivos terán asumir para optar aos mecanismos destinados á redución dos custos enerxéticos. Cabe destacar tamén a obrigatoriedade de manter a actividade produtiva durante un período de polo menos tres anos, a partir da data de concesión das axudas.

Para obter a condición de consumidor electrointensivo, o consumo enerxético anual da empresa deberá ser superior a 1 GWh durante dous dos tres anos anteriores e o consumo nas horas correspondentes ao período tarifario val (o máis barato do día) debe ser de polo menos o 50% da enerxía total consumida. O Ministerio de Industria será o encargado de certificar a condición de consumidor electrointensivo, que se inicia a solicitude do interesado.

MECANISMOS DE APOIO

Entre os mecanismos para os custos enerxéticos, figura a compensación de ata o 85 % dos custos que se repercuten no prezo da luz -os gastos fixos do recibo- polo financiamento das primas ás renovables, os custos de coxeneración de alta eficiencia e o extracusto correspondente aos territorios non peninsulares (financiados ao 50 % con cargo ao recibo e aos Orzamentos de Estado).

Ademais, o Estado, a través do FERGEI, asumirá a cobertura dos riscos derivados da adquisición de enerxía eléctrica a medio e longo prazo de consumidores electrointensivos, coa fin de fomentar a contratación bilateral a longo prazo (PPA, polas súas siglas en inglés) do fornezo.

En febreiro deste ano, antes de que a pandemia se desatase, anunciouse o Estatuto Electrointensivo, que, segundo informou entón o Goberno, permitiría o aforro de 90 millóns para estas empresas só por bonificación do 85% nos cargos na súa factura.

Sumados ás compensacións por custos de CO2 (172 millóns o pasado ano), o apoio á industria electrointensiva superaría os 262 millóns.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...