InicioEconomíaAdministracións e comité instan a buscar unha "saída negociada" a Alcoa, que...

Administracións e comité instan a buscar unha “saída negociada” a Alcoa, que garda silencio

O Goberno convocará a petición dos traballadores unha nova reunión entre todas as partes para "retomar as negociacións" frustradas en setembro; pide ao persoal que levante a folga

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expuxo este luns que, trala celebración da mesa multilateral polo futuro da planta de aluminio, o Estado convocará á multinacional a petición dos traballadores a unha nova reunión entre “todas as partes” para buscar “unha saída negociada” ao conflito laboral na fábrica. Tanto Administracións como sindicatos apelaron á compañía, que presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que foi declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e vén de recorrer ante o Supremo a nulidade do despedimento colectivo, que afectaría a 524 obreiros da factoría e a outros alomenos 400 das contratistas.

Os representantes do persoal, que ofreceron a Alcoa levantar a folga indefinida iniciada o pasado mes de outubro se renunciaba ao recurso de casación e accedía a negociar unha venda da planta, explican que “valorarán” no seu momento “as opcións que haxa” sobre a mesa, agardando que a multinacional “recapacite” e busque unha saída “polo ben da Mariña lucense, dos seus accionistas e dos traballadores”, que están “pendentes” do conflito laboral.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, insistiu na idea de retomar a negociación “onde se deixou“, unha idea que reforzou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que instou ás Administracións, Xunta de Galicia e Goberno Central, “a convocar as reunións que sexan precisas, volver ao escenario do 27 de setembro”, é dicir, o último día do prazo acordado entre a compañía e os sindicatos para negociar unha venda da planta de aluminio. Alcoa rexeitou daquela ofertas da siderúrxica británica Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

A CIG CRITICA A “FALTA DE VONTADE” DE ALCOA PARA “RETOMAR A PRODUCIÓN DE ALUMINIO”

A CIG lamentou a “falta de vontade” de Alcoa para “retomar a produción de aluminio e manter e recuperar os empregos“, tal e como obriga no auto o TSXG. Carril criticou tamén a “indefinición” na que “seguen instaladas ambas Administracións” ante a posibilidade dunha intervención pública da fábrica de San Cibrao. “A continuidade do complexo depende de decisións políticas”, recalcou.

Neste senso, Carril indicou que “era de agardar” que Alcoa recorra a sentenza, “pero non podemos comprender que a empresa non atenda ningunha das formulacións feitas pola representación social para sentar negociar, recuperar os investimentos no mantemento que permitan a reconstrución das cubas, que se poña a fábrica a pleno rendemento e que todas as persoas en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) retornen ao seu posto e se recuperen as contratacións das vacantes, ETT e persoal interino”.

Carril reclamou, unha vez máis, a intervención pública da fábrica como “única garantía real para a continuidade industrial, xa sexa mediante unha solución amigable con contribución de Alcoa para unha venda ou, no caso contrario, os Gobernos teñen que forzar coas súas decisións esa garantía”.

Ante a “ausencia de propostas concretas“, Carril preguntoulle aos Gobernos da Xunta e o Estado “que están dispostos a facer para camiñar cara a normalidade da factoría” e se nas próximas semanas “haberá venda ou haberá intervención pública”.

A XUNTA AGARDA DA EMPRESA “UN SI AO DIÁLOGO”

Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, asegurou que “agardamos un si ao diálogo” por parte de Alcoa para que haxa unha “solución negociada” que permita á empresa “volver á normalidade” e “garantir a produción de aluminio primario e aos empregos. Desde a Xunta de Galicia e desde o Ministerio de Industria así llo trasladamos á empresa”, finalizou.

BLANCO PIDE AOS OBREIROS QUE LEVANTEN A FOLGA

O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, precisou que Xunta e Goberno “transmitirán unha convocatoria de reunión para retomar as negociacións unha vez hai sentenza xudicial”, expoñendo “a vontade de negociar no punto no que se deixaron e setembro e tamén de ter en conta calquera opción que poida levar a unha solución”.

Así mesmo, asegurou que “a mellor nova” que se “lle pode dar á sociedade” é a de “poñer de novo a planta en marcha” para que “tanto os clientes de Alcoa poidan retomar a normalidade e non se poña en risco a outras empresas”. Así, asegurou que a folga -sen mencionala-, “gañada a sentenza xudicial, deixa de ter sentido”.

A MULTINACIONAL ELUDE PRONUNCIARSE

“Alcoa sempre estivo aberta ao diálogo tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia, así como cos representantes dos traballadores. Con esa actitude asistimos hoxe a esta reunión á que nos convocou o Goberno”, argumentaron fontes da multinacional, que con todo declinaron “facer máis comentarios” sobre a mesa multilateral deste luns.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...