A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, recoñeceu este martes que o endurecemento de medidas restritivas en relación á covid-19 poucos días antes de fin de ano é “un pau duro”, aínda que apuntou que é necesario acatalas: “é o que hai”. Despois de que o comité clínico deste luns decidise pasar a Viveiro a nivel máximo de restricións, a rexedora ratificou que o municipio, “coma sempre”, aceptará e cumprirá as medidas.
“Non é prato de bo gusto, ninguén desexa para o seu concello esas restricións e máis nestas épocas do Nadal, é un pau duro para o sector servizos; para a hostalaría e o comercio, pero é o que hai”, sentenciou. Neste sentido, recoñeceu que no municipio “hai un brote que se estendeu máis do desexado”. “Logramos salvar Noiteboa e Nadal, pero onte decidiu isto o comité clínico”, concluíu a rexedora.
En Viveiro documentáronse 60 positivos novos nas últimas dúas semanas (dous máis ca os comunicados onte).
SI HABERÁ MOBILIDADE PARA FIN DE ANO
O municipio estará pechado perimetralmente, aínda que si haberá mobilidade os días 30 e 31 de decembro e 1 de xaneiro para encontros familiares, lembrando que se mantén o toque de queda e que a hostalería pechará finalmente ás 18.00 horas.
Non se permiten clientes no interior dos locais e o aforo nas terrazas redúcese ao 50%, establecendo grupos dun máximo de catro persoas non convivintes. Ademais, o día 1 de xaneiro de 2021, a hostelería non poderá abrir antes das 11.00 horas. O toque de queda mantense nas 23.00 horas, permitíndose a mobilidade unicamente na Noite de Fin de Ano ata a 1.30 horas.