IniciosociedadeSalgueiro insta á Fundación San Rosendo a "extremar o control" tralo erro...

Salgueiro insta á Fundación San Rosendo a “extremar o control” tralo erro de identificación dunha falecida

O rexedor de Xove apunta a "unha avaría" no traslado en ambulancia como a orixe do "lamentable" suceso

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, emprazou á residencia San Bartolomeu e “a todas as demais” a “extremar as medidas de seguridade e control dos usuarios”, despois do erro que levou a notificar o falecemento dunha anciá por Covid-19 á familia equivocada.

Así se pronunciou este luns o rexedor, despois de que este fin de semana transcendese este erro “lamentable“. “Podería ser cómico si non houbese unha persoa falecida detrás e que a súa familia está sufrindo as consecuencias desta situación”, engadiu Salgueiro.

En concreto, segundo informou a Fundación San Rosendo, responsable do xeriátrico, a equivocación produciuse a finais de decembro, cando un grupo de 11 usuarios foron traslados desde Xove ata o centro dos Gozos, situado no municipio de Pereiro de Aguiar (Ourense), onde esta entidade conta cunha planta para atender a anciáns con coronavirus.

Entre os maiores desprazados atopábanse as dúas mulleres, veciñas de Xove, que tiñan asignadas a mesma habitación e, por “un erro de identificación durante o proceso de traslado”, o mércores 13 de xaneiro notificouse a morte dunha delas coa identidade equivocada, é dicir, coa da súa compañeira.

Neste contexto, o alcalde de Xove apuntou a un cambio na documentación durante o desprazamento, no que a ambulancia sufriu “unha avaría“, como posible motivo do erro.

Salgueiro relatou que as dúas mulleres implicadas eran veciñas do municipio. En concreto, a falecida levaba “uns anos vivindo” alí antes do seu ingreso na residencia San Bartolomeu.

“PARECE QUE SE CORTOU A TRANSMISIÓN”

En canto ao brote deste centro, no que aínda hai 20 casos activos -10 de usuarios e 10 de traballadores-, o alcalde confirmou que hai xa “uns días” que non aparecen novos infectados, polo que “parece que se cortou a transmisión do virus”.

“O cal é unha boa noticia pero, aínda así, permanecemos en alerta e coa máxima seguridade e revisión diaria para evitar que entre un novo contaxio”, dixo.

“Case a metade de usuarios (140) e traballadores pasaron a enfermidade, pero queda unha parte importante que non a pasou e o risco está sempre aí e hai que extremar as precaucións”, engadiu.

Finalmente, Salgueiro aproveitou para enxalzar o ben que están actuando “os traballadores da residencia” para frear a expansión do foco. “Esperamos que a situación se estabilice e non teñamos novos casos”, concluíu o alcalde de Xove.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...