A Mariña acolleu este luns varias protestas con motivo do 8-M, o Día Internacional da Muller, nunha xornada na que os actos reivindicativos se prolongaron durante mañá e tarde.
En Foz, a cita do colectivo Galegas 8-M foi na Avenida da Mariña, onde se lembrou que ‘Sen coidados non hai vida: esenciais, precarizadas e fartas‘, o lema desta xornada de folga. Decenas de mulleres asistiron á convocatoria, na que se gardou a distancia persoal e fíxose uso da máscara para evitar contaxios. Varias das participantes leron un manifesto.
En San Cibrao, no municipio de Cervo, decenas de mulleres camiñaron nunha manifestación desde da Praza da Casa da Cultura (Prazoleta) ata a zona do IES Marqués de Sargadelos, con volta ao mesmo punto de saída. O cor lila do movemento feminista dominou a marcha.
OS CONCELLOS PROGRAMAN ACTOS DE HOMENAXE
Os Concellos da Mariña conmemoraron a efeméride con distintos actos. Mondoñedo ou Trabada, entre outros municipios, acolleron concentracións. En Barreiros asinouse unha declaración institucional.
O goberno local de Viveiro programou unha actuación nas redes sociais da actriz mariñá Estíbaliz Veiga. O Concello de Cervo homenaxeou ás mulleres que elaboraron máscaras desinteresadamente durante o estado de alarma.