Estabilidade na Mariña, onde só Burela, Viveiro e Lourenzá teñen casos novos nos últimos sete días

O Hospital Público da Mariña atende dúas persoas con Covid-19, as mesmas ca no anterior reconto

Zona de urxencias do Hospital da Mariña. AXM

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 210, 26 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse tres positivos novos por PCR.

Dos 210 contaxiados, 22 permanecen ingresados (seis deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 16 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (nove), o centro hospitalario de Monforte (seis) e o Hospital Público da Mariña, que atende dous positivos.

No histórico da provincia documéntanse 210 defuncións, 11.410 altas e 11.835 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 194.140 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 818 probas.

No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, Viveiro (cunha taxa de incidencia acumulada de menos de dez positivos por 100.000 habitantes), Burela (entre 11 e 25) e Lourenzá (entre 126 e 250, mentres que onte movíase entre os 26 e os 75 contaxios por 100.000 residentes), que continuará con restricións de nivel alto, son os concellos da Mariña que teñen algún caso confirmado nos últimos sete días, con entre un e nove. O resto dos termos municipais da comarca non teñen ningunha infección rexistrada nese mesmo prazo dunha semana.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here