A comarca da Mariña saíu á rúa este mércores para reclamar “futuro” fronte á crise industrial que se visualiza nos conflitos de Alcoa e Vestas. Nunha xornada de folga xeral en toda a comarca, o seguimento foi amplo e parou a actividade en polígonos, comercios, hostalaría e colexios e institutos, entre outros centros de traballo.
No ámbito educativo, fontes consultadas por Europa Press destacan a baixa asistencia de alumnos, a pesar dos servizos mínimos decretados pola Xunta. A modo de exemplo, os 22 estudantes de 118 que acudiron a un colexio de Cervo, 52 de 320 noutro de Burela, 50 de 120 en Barreiros e unicamente tres en Xove.
Sindicatos falan dun “éxito absoluto” da convocatoria, que, para o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, se interpreta como “unha chamada de atención a todo o mundo”, aínda que centra as súas demandas no Goberno central, polos efectos da transición enerxética e o elevado prezo da electricidade. A multitudinaria manifestación que partiu este mediodía de Burela serviu de “culminación” a “esta resposta masiva” dos veciños da Mariña, en palabras do responsable da CIG na comarca, Xorxe Caldeiro.
“BASTA DE PROMESAS”
Nela participaron representantes políticos como a líder do BNG, Ana Pontón, que reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lidere unha solución para a crise industrial desta zona. “Basta de fotos e de promesas incumpridas, a comarca precisa medidas concretas no DOG e no BOE, que para Alcoa pasan pola intervención pública con implicación do Goberno central e da Xunta porque hai 1.100 empregos directos en xogo”, advertiu.
“A postura da Xunta quedou clara desde o principio. Creo que os sindicatos e os traballadores das empresas afectadas saben perfectamente onde está cada un”, respondeu Roda a preguntas dos xornalistas sobre esta mobilización. Así, constatou que A Mariña ten “un potencial industrial enorme e ten que seguir tendo un futuro e agora está en perigo”. Ao seu xuízo, “as razóns están claras e hai que mover ficha e actuar, cada un coas súas responsabilidades”.
“ESPERAMOS QUE FAGAN CASO”
Pola súa banda, o responsable da CIG da Mariña, Jorge Caldeiro, chama a atención sobre un “absoluto éxito”, con “todos os polígonos pechados, o comercio, hostalaría e servizos todos tamén pechados e un seguimento moi importante nos centros educativos, especialmente nos de secundaria a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta a última hora”.
“Esperamos que os gobernos fagan caso das nosas reivindicacións porque queremos traballar na nosa comarca e non emigrar”, remarcou este portavoz. A folga xeral está convocada por CIG, CC.OO. e UGT-FICA en demanda de políticas de industrialización, infraestruturas e servizos públicos.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.