Un total de cinco persoas foron detidas este domingo pola Garda Civil pola súa suposta implicación na picada de 12 pneumáticos dun camión de transporte nos accesos á factoría de Alcoa San Cibrao, en Cervo. A Garda Civil informa de que as detencións se produciron en diversas localidades da Mariña Lucense e vincula ese delito de danos “directamente” co conflito do transporte.
A picada dos 12 pneumáticos dun camión rexistrouse ao redor das 18,00 horas do pasado mércores. Os danos sufridos polo camión foron valorados pola empresa denunciante en 13.507,44 euros, posto que tivo substituír todas as rodas danadas.
Os detidos foron levados ao Cuartel de Burela para practicar as dilixencias, aínda que a Garda Civil apunta que as investigacións continúan abertas, polo que non se descartan novas detencións ou a investigación doutras persoas en relación co mesmo delito. As dilixencias instruídas remitiranse unha vez concluídas ao Xulgado de Instrución de Garda de Viveiro.