Nutella utilizará as paisaxes da Praia das Catedrais na súa nova campaña. Trátase dunha iniciativa coa que a marca quere animar a redescubrir “a beleza da noza terra” e ensinar que “gozar da vida está máis preto do que cremos”. Así, a famosa crema de avelás e cacao propón o lema ‘o bo témolo na casa’ como fío condutor dunha edición limitada na que mostra quince fotografías de quince paisaxes icónicas de todo o Estado, entre elas, a Praia das Catedrais.
Con esta iniciativa, Nutella busca facer de “altofalante dos múltiples atractivos turísticos” do Estado. Da Praia das Catedrais, a marca enxalza “as súas ancestrais e enormes pedras que levan milenios sufrindo a erosión do Mar Cantábrico e do forte vento, que foron esculpindo eses arcos tan peculiares propios dunha catedral gótica”.
“Non fai falta ir lonxe do noso propio fogar para descubrir lugares exóticos, únicos e diferentes”, explica a marca. Por iso, proseguen, “queremos reivindicar a beleza e homenaxear distintas paisaxes da nosa terra”.