InicioEconomíaAs traballadoras de Albo, contra o peche: "É triste que o motivo...

As traballadoras de Albo, contra o peche: “É triste que o motivo que nos dean é que vivimos no cu do mundo”

Tras case un século de actividade, a última conserveira de Celeiro pecha as súas portas para trasladar toda a actividade a unha "megaplanta" de Salvaterra do Miño. Por diante leva 43 postos de traballo.

Publicada o

- Advertisement -

“A Mariña morre sen remedio, ninguén se preocupa dela”. É a sensación xeral que atravesa dende hai anos a vida da veciñanza dos municipios do norte de Lugo e á que lle pon palabras Mari Carmen, unha traballadora da conserveira Albo que aos seus 53 anos quedará na rúa trala decisión de peche e traslado de toda a actividade da fábrica á planta de Salvaterra do Miño, a 300 quilómetros de distancia. “É triste que na documentación que nos entrega a empresa en ningún momento fala de que haxa perdas, senón que nos veñen dicir que vivimos no cu do mundo e que hai que reducir custos no transporte da materia prima e do produto”, lamenta Mari Carmen.

Este “novo golpe” á Mariña súmase á xa longa relación de empresas que nos últimos tempos foron botando o peche. O paro de Alcoa en San Cibrao ata 2024 – cando previsiblemente se reactiven as cubas – e o cese da produción este mesmo ano en Vestas están detrás do incremento do número de familias que recorren ao banco de alimentos da Mariña, que pasou de atender unhas 400 familias antes da crise industrial a superar agora as 550. “Hai unha chea de xente que quedou sen traballo, sen recursos. Hai medo e desasosego. Que lle queda á Mariña despois disto?“, preguntábase hai unhas semanas a responsable da entidade, Amadora Núñez.

43 PERSOAS NA RÚA

Agora, os propietarios chinos da conserveira Albo, Shanghai Keichuang, confirmaron ás 42 traballadoras, a maior parte delas mulleres, a decisión de pechar a fábrica de Viveiro e trasladar a actividade á nova “megaplanta” que levantaron na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan), onde contan iniciar a produción en outubro. Esta centralización da actividade afecta tamén aos 135 traballadores da nave que a conserveira ten en Vigo, e que se trasladarán a Plisan logo de acordar un incremento do soldo e o desprazamento en autobús dos 30 quilómetros que separan a cidade do novo complexo.

“Como imos marchar a 300 quilómetros de distancia e pagar un aluguer en Vigo? Márchanos o comido polo servido”

Unha mobilidade xeográfica que para as traballadoras da Mariña resulta “inviable”. “As nosas situacións persoais, con familia, cun proxecto de vida establecido, non nos permiten deixalo todo e ir vivir a Vigo. E para quen ten unha situación algo máis flexible tampouco é alternativa ningunha. Como imos marchar a 300 quilómetros de distancia e pagar aló un aluguer? Márchache o comido polo servido“, explica a traballadora e delegada da CIG, único sindicato con representación na empresa.

Albo en Celeiro / arquivo

A maior parte do persoal, natural de Viveiro, Xove, Ourol, Ferreira do Valouro ou Burela, supera os 50 anos de idade e queda nunha situación moi complicada para atopar novo emprego. “O noso futuro laboral agora non é nada fácil. Dado o sitio no que estamos, ou vas traballar á hostalaría ou non che queda outra, e non comparemos condicións. O noso era un traballo a golpe de ficheiro, de sete a tres, cos teus días de vacacións, as túas pagas extra… Agora mesmo estabamos de marabilla”, sinala Mari Carmen, que insiste en que non só perden un emprego senón tamén uns “dereitos laborais” difíciles de atopar hoxe.

“Sempre loitamos por quedar nesta conserveira, porque para min e para a maioría das compañeiras estar aquí significa conservar e defender un relevo xeneracional”

Coa marcha desta última conserveira, que supón a desaparición definitiva do sector na zona, esvaece igualmente todo un patrimonio cultural e emocional para as mulleres da conserva, que producían ata 20 millóns de latas anuais de bonito e atún claro cando no 2016 o grupo chinés mercou as plantas de Celeiro, Vigo e Tapia de Casariego, en Asturias. Antes ca Mari Carmen xa traballaron en Albo os seus avós e a súa nai. “Sempre loitamos por quedar nesta conserveira, porque para min e para a maioría das compañeiras estar aquí significa conservar e defender un relevo xeracional. É algo propio da cultura de Celeiro e do arredor: todas as mulleres en maior ou menor medida tiveron un pequeno contacto coa conserva. Isto é algo que se perde e perdido queda”, sentenza esta traballadora.

MOBILIZACIÓNS PARA MANTER OS POSTOS DE TRABALLO

Persoal e sindicato veñen de iniciar un calendario de folgas e mobilizacións para reclamar a continuidade da actividade e a intervención “decidida” da Xunta de Galicia no conflito. “Nós queremos que estes postos sigan aquí, para as que están e para as que poidan vir. Entendemos que a actividade é viable e rendible a nivel económico“, explica Susana Riveira, da executiva local do sindicato nacionalista, que insiste en que a empresa, que alega cuestións “organizativas” e “produtivas”, ten “carga de traballo abondo” para soster os niveis de emprego actuais e está nunha situación xeográfica “privilexiada”, ao lado de dous importantes portos pesqueiros.

Protesta das traballadoras da conserveira Albo en Celeiro contra o peche da fábrica / CIG

Entendemos que a empresa queira alixeirar custos e centralizar, pero entendemos tamén que debe ter un compromiso social con esta xente. Aquí traballan netas e bisnetas das que levantaron o traballo nesta conserveira”, sentenza Riveira. Empregadas, a maioría fixas discontinuas, para as que a pretensión de mobilidade non contempla os convenios especiais de cotización ante un ERE para todas aquelas maiores de 50 anos. “Din que o persoal pode escoller, pero a única opción para o persoal pasa por rescindir o contrato”, explican dende a CIG, que sinalan que non hai ninguén que se postulase para marchar a Salvaterra.

“A Xunta ten que ter interese en que non se perdan estes 42 postos nunha comarca tan castigada nos últimos anos”

Trátase, describe a CIG, dunha situación empresarial “traumática” para todo o persoal dunha conserveira que estaba a piques de facer un século de vida en Celeiro. Ante esta situación, sindicato e traballadoras, á espera de que as consellarías de Economía e Emprego e a alcaldesa de Viveiro lles concedan un encontro, ven con “asombro” o “desleixo” co que, din, tratan as diferentes administracións á Mariña. “A Xunta ten que ter interese en que non se perdan estes 42 postos nunha comarca tan castigada nos últimos anos”, valora Riveira, que reclama para A Mariña unhas comunicacións “decentes” e uns servizos públicos que cubran as necesidades da poboación. “Isto clama ao ceo, ou ao inferno!”, sentenza.

Tras o paro de Alcoa, o peche de Vestas e a posibilidade xa esvaecida de que a fábrica de téxtiles Altri se instalase na Mariña, a desaparición de Albo supón un novo golpe para a economía destas comarcas, que despiden agora á última supervivente dunha época pasada en que ata 20 conserveiras ocupaban Celeiro. Mari Carmen, en representación de todas as traballadoras, manda unha mensaxe clara: “A todos os responsables políticos que se dedican a saír nas fotos en apoio ás empregadas, que se poñan a traballar de verdade polo noso futuro”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...