A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, trasladou este sábado á militancia en Viveiro a “importancia de ter un partido forte e unido”, como o que “hoxe se ve” neste municipio da Mariña, porque “isto é o que demanda a xente do noso partido e o motivo polo que depositan a súa confianza nas eleccións” os cidadáns.
Así, nunha comida de confraternización da formación, puxo en valor a combinación de “mocidade e experiencia” do equipo que lidera Óscar Rodríguez. “Mentres a esquerda pretende monopolizar determinados sectores, nós somos un partido que representa a todo o mundo e por iso somos o partido que máis se parece a Galicia”, manifestou.
Prado mostrouse segura de que o próximo 28 de maio os populares de Viveiro vanlle a dar “unha alegría enorme facendo que Viveiro volva ser azul”, porque “o PP é a única alternativa seria ao desgoberno socialista”.
“FREAR A PERDA DE SERVIZOS”
Óscar Rodríguez, pola súa banda, fixo unha apelación a estar “unidos máis que nunca para facer posible un gran cambio” e animou a “todos a traballar intensamente durante os próximos meses, centrándose única e exclusivamente en Viveiro”.
O presidente do PP local subliñou que é preciso “frear a perda de servizos que está a sufrir Viveiro” desde hai 20 anos. Así, reivindicou que “practicamente todo o que se fixo en Viveiro é resultado da herdanza recibida do goberno do PP”.
No acto tamén interveu o deputado autonómico José Manuel Balseiro e, na mesma liña, subliñou que “o goberno socialista de Viveiro” leva dúas décadas “vivindo de rendas”. Así, Balseiro reivindicou a “importancia de ter un partido ben engrasado” porque as eleccións “só gáñanse cando detrás do candidato hai un partido forte e unido”.