O edil de Turismo, David Rodríguez, desprazouse este venres a Santiago de Compostela, en representación do Concello de Cervo, para recoller as bandeiras “Sendeiro Azul” coas que foi galardoado Cervo nun acto celebrado no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.
Nesta ocasión, e por primeria vez, foron distinguidos tres itinerarios diferentes do noso municipio con esta insignia: Sendeiro Azul “O Torno”, Sendeiro Azul “Cubelas – O Rego” e Sendeiro Azul “Río de Lavar – Muíño do Medio”, o que sitúa a Cervo municipio como o único da provincia de Lugo que suma tres distintivos destas características.
O Sendeiro Azul do Torno recibe, así, e por oitavo ano consecutivo, esta distinción que o referenda como un reclamo de primeira orde para o noso Concello. Trátase dun carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome.
En canto ao Sendeiro Azul Río de Lavar- Muiño do Medio, cabe sinalar que se trata dunha ruta circular que nos traslada no seu pouco máis de quilómetro e medio a algúns dos máis antigos oficios de Galicia. Iníciase na Ponte Medieval do Bao, construído na Baixa idade Media para facilitar a comunicación entre San Cibrao e a sede parroquial (Lieiro).
Nestes primeiros 200 metros do sendeiro, comprendidos entre a citada ponte e o Muíño do Bao, atopámonos cun tramo do Río Cobo que antigamente se coñecía polas lavandeiras como “O Río de lavar”. Antigamente as mulleres de San Cibrao e Lieiro viñan lavar a roupa a esta zona do río.
Segundo avanzamos polo sendeiro atopámonos co Muíño do Bao que precede a outro muíño (Muiño do Medio), xa na zona de O Guioncho. Nas súas inmediacións atopámonos cunha fonte e un lavadoiro. Entre os fitos desta ruta destacan, pois, a Ponte Medieval do Bao, as cuñas da Ponte Medieval, o lavadeiro, o Muiño do Bao, a Fonte do Guioncho e o muíño do Medio.
En canto ao itinerario Cubelas-O Rego, cabe sinalar que conta cun percorrido de 900 m que une a Praia de Cubelas coa pequena Praia do Rego que se sitúa unha vez pasada a área de Servizos para Autocaravanas.
Durante o itinerario deste carreiro pódese apreciar o permanente contacto co mar cantábrico e coa parte oriental da costa da Península de San Cibrao, na que un se atopa con praias como as de Cubelas, A Caosa, Pericón e O Rego. Os fitos que destacan no percorrido son os seguintes: Ruínas Fábricas de Salazón, a praia de Cubelas, as dunas de Cubelas, a cetárea, a fontiña, a praia da Caosa, a praia de Pericón, a área de servizos para autocaravanas e a praia do Rego.
Rodríguez valorou de xeito moi positivo estes recoñecementos “que referendan o labor que levamos moito tempo desenvolvendo desde o Concello de Cervo en prol da posta en valor do noso patrimonio natural, é un incentivo máis –engadiu- para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna”.
Estes selos de calidade, pois, “recoñecen o valor medioambiental destas rutas” e poñen de manifesto “o compromiso municipal co turismo sustentable e de calidade”, avalando o esforzo que se vén realizando neste terreo, precisou.
Con estas insignias, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) premia a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios de todo el territorio nacional, transformados en valiosos recursos para a interpretación ambiental e o desfrute da natureza.