InicioOccidentalCervoKaraoke pola igualdade en Cervo o vindeiro 12 de marzo

Karaoke pola igualdade en Cervo o vindeiro 12 de marzo

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo e a delegación de Muller e Igualdade, que dirixe Pilar Armada, organiza coas diferentes asociacións de mulleres do municipio -Asociación de Mulleres de San Cibrao, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade de Cervo- a primeira edición do Karaoke pola Igualdade en homenaxe á figura da muller.

O concurso terá lugar o domingo 12 de marzo no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao ás 19:00 horas. Os participantes deberán escoller unha canción composta ou popularizada por mulleres que se atope na lista de temas dispoñible no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello de Cervo (www.concellodecervo.com). Na mesma sección atoparán a ficha de solicitude para a participación no concurso e toda a información necesaria nas bases reguladoras.

Todo aquel que decida interpretar unha canción que non se atope na lista deberá avisar con anterioridade para comprobar se pode ser reproducida polos medios técnicos da organización. Se non fose posible, deberán aportar outra proposta ou adaptarse aos temas incluídos na lista.

A ficha de inscrición deberá presentarse no rexistro municipal do concello –onde tamén estarán dispoñibles para cubrir no momento- xunto a unha copia do N.I.F do participante ou do seu titor legal, no caso de menores de idade. O prazo de inscrición no propio concello rematará o venres 10 de marzo ás 15:00 horas.

Tamén se permitirán as solicitudes entregadas o mesmo día do concurso aos traballadores responsables na Casa da Cultura antes dos ensaios previos dos participantes, que darán comezo ás 17:00 horas.

O concurso contará con diversos premios en distintas categorías que abarcan todas as idades:

Peques (menores de 12 anos): premio á mellor voz (dous premios) de 75€ e premio á mellor caracterización de 50€.

Júnior (rapaces de 12 a 18 anos): premio á mellor voz (dous premios) de 100€ e premio á mellor caracterización de 75€.

Veteranos (18 anos en adiante): premio á mellor voz (dous premios) de 150€ e premio á mellor caracterización de 100€.

O xurado –formado por un membro de cada unha das asociacións- terá en conta para o primeiro premio a calidade da voz, modulación ou entoación. No segundo caso, valorarase o vestiario, maquillaxe e aspectos similares. Unha vez resolto o concurso, realizarase o pago dos premios a posteriori tal e como recollen as bases reguladoras.

Dende o Concello de Cervo animan a todos os interesados a participar no tan esperado Karaoke pola Igualdade 2023 con motivo de demostrar os seus dotes artísticos nun ambiente de diversión e apoiar a loita pola igualdade e a defensa da muller.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...