O Concello de Cervo mellorou o local social do burgo da Senra, coa construción dun edificio anexo que supuxo un investimento superior aos 20.000 euros, e que lle dará moita máis versatilidade e amplitude a este espazo xestionado pola Sociedade Cultural e Recreativa O Raxal, cedido pola administración local, no que organizan diferentes actividades lúdico-culturais.
A tenente alcalde, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, David Rodríguez, achegáronse ata este burgo para supervisar estes traballos de mellora no local que fora construído no ano 2010 con fondos municipais, no marco do Obradoiro de Emprego.
Caramés puxo de manifesto que esta actuación vai na liña que vimos marcando desde o Concello de Cervo “de favorecer o asociacionismo adecuando locais sociais para uso e desfrute dos diferentes colectivos do municipio, nunha aposta por poñer á súa disposición eses espazos públicos para que os enchan de vida coas diferentes actividades e eventos sociais que organizan ao longo do ano; e tamén das diferentes iniciativas municipais que se programan nas diferentes parroquias”.
Tal e como explicou, os traballos realizados –cos que demos resposta ás demandas da asociación que xestiona o inmoble- “completáronse coa mellora da iluminación do propio local, a instalación de canlóns para a evacuación das augas pluviais, dunha billa de auga no exterior e a mellora do pavimento”.
Con actuacións como esta –engadiu o edil de Deportes- contribuímos a crear espazos confortables que favorecen o dinamismo municipal, “porque o ideal é que estas edificacións públicas se enchan de vida da man dos diferentes colectivos do Concello e das iniciativas que promoven e que activan e involucran á veciñanza”.