O xa novo conselleiro de Mar, Alfonso Villares, prometeu este xoves o seu cargo ante o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto no que asegurou que a decisión non foi “fácil”, porque leva máis de 26 anos dedicado á administración local. Con todo, destacou que os veciños quedan en boas mans, as de Dores García, cun “equipo sólido” e “un proxecto moi definido”.
“A verdade é que non é fácil”, recoñeceu Villares, na súa toma de posesión, aínda que destacou que “a un non o nomean conselleiro todos os días” e foi un “momento moi especial” o da chamada do presidente da Xunta, a quen está “moi agradecido”.
Villares agradeceu aos veciños de Cervo o apoio recibido en todos estes anos, a quen lles “debe todo”, pero defendeu “dar o salto” porque “queda en boas mans, cunha nova alcaldesa o vindeiro sábado”, a súa “compañeira Dolores”. “E cun equipo que é moi sólido e cun proxecto moi definido”, sentenciou.