O Concello de Cervo será o próximo sábado o escenario da I carreira de Andadura que se celebrará na pista ecuestre recentemente construída na zona da Bidueira.
A competición, que arrincará ás 10:30 horas pola mañá, e ás 16:00 horas pola tarde, foi presentada nas novas instalacións polos edís de Zona Rural e Deportes, Adrían Arias e David Rodríguez, respectivamente, e por unha representación da asociación Cabaleiros da Bidueira, que organiza a cita cabalar xunto á administración local.
A competición arrincará ás 10:30 horas, e irán sucedéndose as carreiras nas diferentes categorías (sub 16, serrada +1,50, serrada -1,50, chapeada +1,50, chapeada -1,50, serrada-marcha do país, chapeada-marcha do país); establécense un mínimo de catro partcipantes por categoría e haberá case 2000 euros en premios, ademais de trofeos e medallas.
O prazo para anotarse remata este martes, 25 de xullo, e as persoas interesadas poden facelo por wasapp no 658 03 20 19.
Tal e como recordaron os concelleiros, a iniciativa de construír esta pista na Bidueira -que supuxo un investimento superior aos 40.000 euros procedentes das arcas municipais- naceu da comunicación con estes rapaces afeccionados ao mundo cabalar, cunha gran tradición en Cervo. Así, grazas á sinatura dun convenio por parte da Comunidade de Montes e o ente municipal, no que a Comunidade cedeu os terreos para a súa construción e o Concello aportou a financiación pertinente, “conseguimos crear un espazo apto e seguro para a equitación dentro do noso concello”, que veremos xa como cobra vida este mesmo sábado con esta primeira competición, que “estamos seguros que será a primeira de moitas”.
O edís quixeron felicitar a esta nova asociación pola iniciativa, e desexarlles toda a sorte neste evento “que servirá de inauguración para este novo escenario deportivo que sumamos en Cervo co que tamén conseguimos darlle vida ás instalacións do antigo campo de fútbol da S.D. Cervo, que están ao seu carón”.