A rexedora de Cervo, Dolores García Caramés, destacou este venres na homenaxe a Nardo Martínez que “lle devolvemos un anaquiño desa xenerosidade e dedicación ao noso municipio, porque Nardo foi un veciño exemplar sempre comprometido co seu pobo, e tremendamente entregado ao desenvolvemento de Cervo en todas as facetas”.
As declaracións realizáronse no extraordinario onde a alcaldesa lle entregou á familia os atributos correspondentes polo seu nomeamento como fillo adoptivo do Concello de Cervo, ante un auditorio cheo de amigos, veciños e familiares de Nardo.
A proposta de declaración como fillo adoptivo -recordou Caramés- naceu do tecido asociativo, en concreto da asociación Mulleres de San Cibrao, a quen felicitou pola proposta, “que conseguiu aglutinar un sentimento compartido por unha ampla representación das asociacións do noso concello que xuntas promoveron este nomeamento, devolvéndolle así en parte esa dedicación por Cervo”.
Nardo Martínez foi descrito como unha persoa xenerosa que o demostrou “revertendo unha parte importante de todo ese éxito profesional no noso pobo, nos veciños e veciñas de Cervo. Persoa autodidacta, emprendedora, constante, con mentalidade avanzada e espírito filantrópico”
En representación da Asociación de Mulleres de San Cibrao, interviu a súa Presidenta, Amparo Pernas, que tamén recordou con moito cariño a figura de Nardo nunha prazoleta ateigada de amigos e veciños, “unha praza que a partir de agora estará presidida por este veciño exemplar, a través dunha placa de bronce gravada altruístamente por Anxel Cao, a quen lle temos que agradecer moito este xesto” -que xunto ao seu fillo Telmo Cao realizou a peza-.