A parroquia de Cervo xa se prepara para acoller, o vindeiro sábado 19 de agosto, a XLV Queimada Popular.
A cita foi presentada na Praza do Souto pola rexedora, Dolores García Caramés, a tenente alcalde, Mali Méndez o edil de Turismo, David Rodríguez, os representantes da Asociación Airiños do Xunco, Rafa Blas e Carlos Sanz.
Os actos arrincarán ás 10:00 horas, coa apertura do Mercado Tradicional. Ás 12:00 horas será o paseo de “autoridades” acompañadas do grupo Medio Quiñón
Ás 13:00 horas será a lectura do pregón por parte das “autoridades”.
Entre as 12:00 e as 14:00 horas, poderase mercar diferentes tipos de comida nos postos instalados na contorna.
Xa pola noite, ás 23:00 horas, está prevista a saída da comitiva da Queimada desde as Escolas Vellas ata a Praza dos Souto. E ás 23:45 horas será a agardada Representación. A continuación o toque musical correrá a cargo de Astarot, a Banda de Balbina e a Charanga Santa Compaña. Ao longo da xornada haberá diferentes actuacións de grupos de música tradicional.
A Queimada Popular está organizada pola Asociación Airiños do Xunco coa colaboración do Concello de Cervo, que convidan a veciños e visitantes a desfrutar desta xornada máxica na vila.