O Concello de Cervo será o escenario do I Trail A Fume de Carozo o sábado, 2 de setembro, a partir das 10:00 horas. A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, e por unha representación dos membros do club local A Fume de Carozo, en San Cibrao, onde se situará a saída e a meta do evento, en concreto na Praza dos Campos.
Tal e como explicaron desde a organización, haberá unha andaina de 13 quilómetros cun desnivel aproximado de +300 metros, un trail de 16 quilómetros cun desnivel aproximado de +600 metros e un trail de 25 quilómetros cun desnivel aproximado de +900 metros.
Nos trails tan só poderán participar as persoas maiores de 18 anos, pero a Andaina si que estará aberta para menores coa correspondente autorización do pai, nai ou titor.
Toda a información relativa ao evento está dispoñible nas redes social do Club A Fume de Carozo e a inscrición pode formalizarse a través da ligazón: https://ccnorte.com/evento/index/dp/9?search&fbclid=IwAR3-d0kZP3KmnIj-_eGRewNRmsQXTtbmnqlj4gs0-WgEy-WHjP7HZXr7D04
Todas as persoas inscritas recibirán un agasallo, e a inscrición inclúe seguro, avituallamento, dorsal e servizo de duchas no pavillón municipal.
En ámbolos dous trails haberá categorías absoluta (18-39 anos), veteranos A (40-49 anos) e veteranos B (de 50 anos en diante), tanto masculina como feminina; e haberá ademais un trofeo específico para o mellor clasificado e a mellor clasificada local.
Desde o Concello de Cervo animan a desfrutar desta proba que é ademais un escaparate turístico de primeira orde, que permitirá ás persoas participantes descubrir os atractivos do noso municipio, tanto da costa como do interior, desde outra perspectiva, facendo deporte.