InicioOccidentalCervoCervo lanza "Súmate ao Marrón, ten Moita Vida" para promover a reciclaxe...

Cervo lanza “Súmate ao Marrón, ten Moita Vida” para promover a reciclaxe de materia orgánica

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha a campaña divulgativa e informativa “Súmate ao Marrón, ten moita vida”, co obxectivo de achegar á veciñanza toda a información relativa á reciclaxe da materia orgánica e de promover o uso do novo contedor “que é unha das engrenaxes chave da economía circular para valorizar gran parte do lixo que xeramos nos nosos fogares tal e como nos vén establecido polas directivas europeas que están a marcar este rumbo”, tal e como explicou a rexedora, Dolores García Caramés, que presentou a iniciativa xunto coa edil de Medio Ambiente e Tenente Alcalde, Mali Méndez, nas instalacións municipais.


Neste senso, o Concello de Cervo vén de editar máis de 2000 exemplares dun folleto explicativo, que chegará nos próximos días a todos os fogares cervenses, no que se detallan polo miúdo sobre plano os puntos estratéxicos nas que se situarán con carácter inminente unha vintena de contedores marróns dentro do termo municipal.


No folleto, tal e como afondaron, tamén se difunden unha serie de charlas informativas que terán lugar os próximos 16 e 17 de outubro, en San Cibrao e en Cervo, respectivamente. Trátase duns encontros abertos á veciñanza coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Mariña que terán lugar na Casa da Cultura, en horario de 18:00 a 20:00 horas, e na Casa do Concello, de 19:00 a 21:00 horas; nos que se dará resposta a todas as dúbidas que a veciñanza poida ter sobre a implantación deste novo colector.


Tal e como puntualizou a rexedora, “desde o Concello de Cervo xa levamos moitos anos sensibilizados coa compostaxe doméstica, promovendo á súa práctica entre os fogares cervenses a través de diferentes iniciativas didácticas e tamén ofrecendo composteiros de balde ás familias; de feito a día de hoxe preto de 300 fogares fan o seu propio compost na casa”. Pero agora –proseguiu- queremos e debemos dar un paso máis coa instalación dos contedores marróns nunha vintena de puntos estratéxicos do concello, “para facilitarlle á veciñanza, na medida do posible este exercicio de corresponsabilidade que todos debemos asumir”.


Ademais, no folleto tamén se explica polo miúdo que tipo de residuos se poden depositar no contedor marrón tales como restos de todo tipo de comida, pousos de café, restos de plantas, flores, papel de cociña usado…; cuxo tratamento se realizará na planta de biorresiduos situada no Polígono de Cuíña, que entrará en funcionamento proximamente, e que dará servizo a case 70.000 habitantes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...