O novo presidente de Alcoa, William Oplinger, recoñeceu que a situación na fábrica de San Cibrao, no municipio de Cervo, “foi e segue sendo moi difícil”, aínda que dixo que espera “superar estes retos para permitir un reinicio progresivo ata finais de 2025”. Así o expuxo en declaracións con motivo da presentación dos resultados do terceiro trimestre da compañía. “Seguimos traballando para lograr a viabilidade económica a longo prazo da planta de España“, o que “no caso da fundición, iso permite volver pola en marcha en 2024“.
Con todo, apunta a “importantes retos que deben superarse para que a planta sexa viable”, “incluída a escasa demanda de produtos de valor engadido“. A isto únese que “os prezos do aluminio son baixos” e que en Europa hai “altos custos de enerxía“. Ademais, Oplinger referiuse ao “atraso na obtención de permisos e a construción dalgunhas das fontes de enerxía alternativas” que están “a estudar”. En relación con estas palabras, fontes de Alcoa explican que as palabras do presidente da empresa veñen confirmar que “hai moitas dificultades”, pero que “o calendario de reinicio das cubas mantense”.
Estas declaracións chegan despois que o pasado 2 de outubro a empresa paralizase a fundición da planta de aluminio que continuaran operando en San Cibrao tras as paradas das cubas de electrolisis en xaneiro de 2022, xustificada pola compañía por “unha difícil situación de mercado, que inclúe os altos custos de enerxía e falta de pedidos de clientes”. Non entanto, Alcoa sostén que “prevé arrincar de novo o forno en canto se dispoña de pedidos de clientes confirmados en carteira”. O acordo selado pola empresa cos traballadores no seu día fixa o inicio do rearranque da produción de aluminio primario o 1 de xaneiro de 2024, cunha operativa do cento por cento das cubas a finais de 2025.