O Goberno central avanzou ao candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, que este mércores o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicará unha modificación normativa para desbloquear a tramitación de parques eólicos que fornecerán enerxía á planta de Alcoa San Cibrao, en Cervo, no primeiro trimestre de 2024. Así llo confirmou a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
Ao termo do encontro, Besteiro anunciou que o BOE recollerá este mércores unha reforma do real decreto que regula os dereitos de acceso e conexión á rede das instalacións renovables. Isto, segundo explica o PSdeG a través dun comunicado, permitirá autorizar e pór en funcionamento no primeiro trimestre de 2024 o catro parques eólicos pendentes para dar servizo á planta de Alcoa.
“A modificación permitirá dar prioridade aos parques eólicos que teñan declaración de impacto ambiental (DIA) favorable, aínda que estean fose do prazo límite previsto”, concretou José Ramón Gómez Besteiro, quen o cualificou de “excelente noticia” para Galicia e para a continuidade da fábrica de Cervo.
Neste contexto, o candidato socialista criticou que a Xunta “non fixera os deberes con tempo” e “non se preocupou de desbloquear esta situación”. A continuación, sinalou que “a desidia e abandono” do Goberno galego, capitaneado por Alfonso Rueda, “puxo en risco a viabilidade da planta de Alcoa na Mariña porque, asegurou, entregou os informes sectoriais á Administración do Estado o 14 de novembro, último día do prazo límite para emitir as declaracións de impacto ambiental.
BESTEIRO
“Hoxe no Consello de Ministros apróbase esa modificación do Real Decreto que permite recuperar para o ano 2024 eses parques que estaban fóra de prazo e o lóxico era traer e trasladar esa información aos traballadores“, explicou o candidato do PSdeG á Xunta de Galicia.
José Ramón Gómez Besteiro manifestou tamén na súa visita ás instalacións da factoría a súa “preocupación” polo peche no último ano de 300 empresas na Mariña, un dato que achacou a “unha mala xestión económica por parte da Xunta de Galicia no ámbito das industrias e as empresas”.
INTERVENCIÓN PÚBLICA DA FACTORÍA
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, valorou positivamente o acordo alcanzado para o desbloqueo dos parques eólicos xa que representan, precisou, “o 25% da enerxía de consumo diaria da planta“.
“A problemática que sufriron os traballadores e a comarca foi un novo xerro de auga fría en pleno nadal e estamos xa un pouco fartos”, recoñeceu Zan, que instou tamén á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a “unha reunión de seguimento para coñecer as potencias reais” dos eólicos desbloqueados e a “estudar” a posibilidade de que a administración poida “facerse con parte ou a totalidade do accionariado” da empresa.
A XUNTA CUALIFICAO DE “BOA NOTICIA”
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, cualificou de “boa noticia” a modificación normativa que acometerá o Goberno central. Iso si, a titular de Economía da Xunta nega os reproches do candidato do PSdeG nas eleccións autonómicas, José Ramón Gómez Besteiro, quen foi o que anunciou este cambio e atribuíu á Administración autonómica o atraso na tramitación das declaracións de impacto ambiental (DIA).
María Jesús Lorenzana valora que o Ministerio de Transición Ecolóxica “escoitase as demandas” da Xunta a semana pasada, cando denunciaron que caducaran os permisos de acceso e conexión destes parques eólicos pendentes. “Non entendemos por que no seu momento non se liquidou esta cuestión e canceláronse eses permisos, pero en todo caso é unha boa noticia”, agregou.
Con todo, a conselleira cualificou de “bastante desafortunadas” as declaracións nas que o candidato socialista á Xunta “non soamente non recoñece o erro cometido polo Goberno central, senón que parece que agora é el mesmo ou o propio Ministerio o que liquidou o problema cando son eles mesmos os que o crearon”.