A Xunta de Galicia repetirá as mostraxes sobre a poboación de ourizo de mar na Mariña Lucense, logo de prosperar unha proposición non de Lei do PSOE que aprobou a Comisión de Pesca do Parlamento galego.
Os socialistas presentaron esta iniciativa tralas conversas coas confrarías da provincia de Lugo, despois de que o Goberno galego autorizase a extracción mediante mergullo.
O permiso que habilita ás embarcacións para recoller esta especie desatou as críticas de todos os pósitos mariñaos, que sinalaron que a extracción a través do buceo “acabará co marisqueo a pé” e que faría “perigar a especie”.
A voceira de marisqueo do grupo socialista, Patricia Otero, levou ao Parlamento “as peticións das confrarías fronte aos plans de xestión de recursos específicos en Galicia, publicados o pasado 20 de decembro habilitando a explotación do equinodermo pola empresa Aresmar”.
As confrarías, explicou Otero, presentaron alegacións que foron desatendidas pola Xunta xa que entenden que a autorización deriva dun informe “de parte” a raíz de mostras nos lugares sinalados pola empresa. Os buzos da Mariña Lucense censuraron pola súa banda o impacto das actividades nas praias.
De acordo coa proposta aprobada este venres, o Goberno galego deberá facer unha nova mostraxe feita por biólogos, desta vez “aleatoria e con medios propios” e a partir dos resultados valorar de novo a autorización da extracción do equinodermo mediante mergullo con subministro de aire dende a superficie.
A deputada do PSOE expuxo que o ourizo de mar non se atopa en perigo, pero vén de sufrir etapas de peche, e a autorización desta modalidade de extracción “pode esgotalo” e “prexudicar aos mariscadores a pé”.
SOBREEXPLOTACIÓN
Na Mariña Lucense traballan 29 mariscadores a pé que teñen un tope de extracción de 50 quilogramos diarios, e que retiran 1.480 quilos ao ano. Estes profesionais, expoñen os socialistas, “dependen ademais das mareas e da situación atmosférica”.
Pola contra, indican, “hai dúas lanchas con catro mergulladores que ademais de que non dependen das mareas e son menos sensibles ás condicións atmosféricas, poden retirar 80 quilos diarios por persoa, o que eleva a extracción a 6.480 quilos ao ano”.
AS CONFRARÍAS LAMENTAN QUE CATRO PROFESIONAIS DE EMBARCACIÓNS TEÑEN 5.000 QUILOS MÁIS AO ANO PARA RETIRAR CA 29 MARISCADORES
A parlamentaria socialista sostén que “non estamos a pedir que se prohiba esta modalidade de extracción, senón que se faga unha mostraxe obxectiva e, en función dos resultados, decidan se a autorización de mergullo é factible ou non”.
“INCOHERENCIA”
Otero reclamoulle ademais ao PP que explique “por que agora autoriza unha modalidade de recollida da especie que antes criticaba”, dado que o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, “alertou no 2011 e 2012 do impacto negativo das novas fórmulas de mergullo”.