A Queimada Popular de Cervo, que se celebrará o 18 de agosto, ofrecerá na súa 40 edición un aperitivo o sábado 4, coa celebración das Vodas Meigas. Coa colaboración do Concello, Airiños do Xunco impulsa o evento, no que o druída Aneiros oficiará os casamentos.
A xornada de festa en Cervo será completa, coa celebración dunha exaltación do xamón cocido na praza do Souto desde as 12.00 horas. Ás 20.00 horas comezará o programa do día nas xornadas de teatro que organiza O Bordelo. Primeiro haberá un monólogo e despois unha representación teatral a cargo do grupo asturiano Pico de Faro.
INSCRICIÓNS
Ao rematar o teatro empezará o ritual das vodas. Os interesados en participar deben anotarse e ir vestidos para a ocasión; os homes, ao xeito dos séculos XVI ao XIX, e as mulleres de meigas.
Os participantes recibirán un documento acreditativo do seu casamento -que caduca ao ano seguinte- e, a un prezo de 25 euros, desfrutarán dun menú especial no restaurante O Almacén. Inclúe caldo meigo, lombo con pócema de champiñóns, requeixo e queimada.